Entrevista a Xavier Senín en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En primeiro lugar, parabéns por este Premio Nacional á obra dun tradutor. Que significado ten para vostede?
– Xavier Senín (XS): É unha honra, síntome moi ben pagado por todo o que fixen e espero que sirva de algo para o país, para remover conciencias, e se pode servir para que o país progrese e cambie, e para que a nosa lingua sexa máis protexida e máis utilizada, moito mellor.
– ND: Posúe unha longa bibliografía de obra traducida, de modo individual ou colectivo. Foi o afán por “remover conciencias” o que o levou a realizar esta tarefa?
– XS: Hoxe en día, desde logo. Agora ben, empecei a traducir un pouco por casualidade e por necesidade. Era un momento no que había poucas traducións, empezabamos a saír as primeiras promocións que estudaban galego na universidade e había que arrimar un pouco o ombreiro. Pódese dicir que tiña en conta a necesidade de remover conciencias pero igual un pouco en segundo plano, iso veu despois, fun tomando conciencia pouco a pouco ao ir falando e traballando con outra xente, con profesores, con colegas.
– ND: Ten traducidos clásicos do francés e do inglés e tamén moita obra catalá. Responde a unha selección persoal?
– XS: Algúns dos libros que traducín foron escollas persoais, pero teño que dicir que eses foron os menos. Colaborei, naquel primeiro momento, con Galaxia ou con Argos Vergara, e a escolla facíaa a editora. Pero nos dous casos preguntaban quen podía escribir un libro para unha determinada colección e aí xa tiven a opción de dar a miña opinión sobre xente que podía interpretar, e tamén sobre obras que podiamos traducir. (…)
“Nos 80 necesitábase moita obra infantil”
A Literatura Infantil e Xuvenil é outra das áreas de traballo de Xavier Senín, que lembra, “necesitábase, realmente, moita obra infantil porque non había nada ou había moi pouco, e logo tamén tiven a honra de traballar noutros campos a prol da Literatura Infantil e Xuvenil”. Ao valorar a situación actual, non só da tradución senón da creación literaria xuvenil, Senín comenta, “antes podías ler todos os libros que saían no ano, nos 80, agora é imposíbel pero non só hai que falar de número, senón de calidade”.
E recalca que “basta ver que con moitos dos nosos autores e autoras que publican en castelán, inmediatamente sacan a tradución ao galego e, ás veces, até ao mesmo tempo, e isto demostra que hai moita calidade”. “Cambiou moitísimo a situación para ben e as nosas crianzas, e a mocidade, teñen o que merecen, realmente”, conclúe Xavier Senín.”