Desde a Real Academia Galega:
“En 1938, Franco afirmaba que na nova España totalitaria se imporía “una unidad nacional, que la queremos absoluta, con una sola lengua, el castellano, y una sola personalidad, la española”. Tras a caída de Cataluña, La Vanguardia publicaba un editorial titulado “Hablar como Franco”, unha consigna repetida ao longo das vindeiras décadas que sintetiza a política lingüística e cultural represiva da ditadura. “Estaba inspirada nun nacionalismo español excluínte e brutalmente autoritario, o cal significaba non só a imposición do español como a única lingua oficial do Estado e do sistema educativo, senón a expulsión dos idiomas propios das nacións periféricas da vida pública e un control estrito sobre o seu cultivo”, expresa Henrique Monteagudo n’O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización (Galaxia, 2021). O académico afonda no que é o seu último libro na historia social da lingua galega durante o período franquista, analizando con detalle a súa marxinación sistemática e mais a resistencia galeguista dirixida a constituír un sistema cultural autónomo co idioma como o elemento definidor.
O coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega presentou en rolda de prensa o seu novo traballo, continuación da Historia social da lingua galega (1999), acompañado do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. “O profesor Monteagudo leva anos dedicado ao estudo social da lingua, tanto na realidade presente como na súa dimensión histórica. Hoxe é unha primeira autoridade do tema. Este libro é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega, mesmo que fosen algunhas minorías, para a recuperación da dignidade do idioma en tempos moi adversos”, salientou o presidente. O volume, engadiu Margarita Ledo, “constrúese, dende a fasquía sociopolítica da lingua, unha nova xenealoxía que nos explica o pasado do presente e nos dá puntos a reflectir sobre un porvir que vai reclamar, coma na ditadura, a toma de posición persoal”. A obra marca “un antes e un despois” para calquera que queira achegarse a “un estudo rigoroso” do período abordado, engade Francisco Castro, que destaca tamén o pulso narrativo dun relato que deixa moi ben documentado todo o traballo “lingüicida” do franquismo.
As dinámicas de substitución do galego instauradas no século XIX e intensificadas nas primeiras décadas do XX “foron extraordinariamente potenciadas pola ditadura franquista, cuns resultados desastrosos no curto e no medio prazo”, recorda Henrique Monteagudo. “A situación e evolución sociolingüísticas do galego a partir de 1975 non poden ser entendidas sen facer referencia á pesada herdanza recibida”, advirte.
Un dos elementos que xogou a favor da castelanización foi a progresiva extensión do aparato educativo, que ao longo do século XX foi avanzando ata abranguer o conxunto da poboación galega en idade escolar. Os medios de comunicación foron outro axente castelanizador de crecente influencia xa que, salvo moi escasas excepcións, excluíron por completo a lingua propia de Galicia. A persecución lingüística dos golpistas levou mesmo a prohibir o uso de calquera idioma que non fose o castelán en marcas, nomes comerciais, rótulos de bares ou tendas e nas proxeccións cinematográficas, ademais de impedir a escolla dos chamados “dialectos” para darlles nome aos fillos e fillas ou redactar calquera tipo documento oficial, lembra o autor entre outros exemplos. (…)”