Henrique Monteagudo: “O franquismo deixou un desprestixio do galego e é un lastre que segue hoxe”

Entrevista a Henrique Monteagudo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Afirma no limiar [O idioma galego baixo o franquismo] que aspira a contar só a verdade e nada máis que a verdade. Tan terxiversado está o que supuxo o franquismo para o galego? Tanto o descoñecemos?
– Henrique Monteagudo (HM): Si que o descoñecemos moito. En xeral, hai un descoñecemento por ignorancia, pola especie de pacto do silencio da Transición houbo unha tendencia a evitar falar destas cousas. Pero tamén está a emerxencia dos discursos negacionistas, onde hai unha especie de rebelarse contra a verdade dicindo que non se perseguiu o galego, que o franquismo tampouco foi tan malo… É algo que provoca asombro e indignación a quen o viviu. Tamén é unha cuestión que me preocupa moito.
– LVG: Fóra da esfera pública e do sistema educativo, non se podían poñer nomes galegos a locais… Cales considera que son as medidas durante o franquismo que máis socavaron o galego?
– HM: Nisto hai que distinguir etapas. Non son as mesmas medidas na década dos 40 que no franquismo final. As maneiras de perseguir o galego foron moi distintas e a presión tamén foi a menos. Pero hai cousas de fondo que foron catastróficas para o galego. Por exemplo, todo o que tivo que ver coas políticas que desertificaron o agro, que provocaron a emigración, que foi moitísimo maior durante o franquismo que antes. Toda unha cultura galega se esfarela xa que constituía un nicho moi importante para a lingua. Ademais, o progreso social durante este período non se pode dar sen unha asimilación ao castelán. E tamén hai outros elementos como os medios de comunicación de masas, sobre todo a radio e a televisión. Antes de difundirse, nas casas das familias que falaban galego o castelán non entraba. Había só un canal de televisión, o do Réxime, e con el introducíanse pautas culturais e inculturais, valores de prácticas lingüísticas. Era meter o castelán nas casas e, ao mesmo tempo, o desprezo polo galego. E iso fíxolle moitísimo dano.
– LVG: E fronte a iso contrapón a resistencia lingüística. Como sería hoxe o galego sen a participación activa de persoas que incluso, como vostede comentou, se xogaron a vida por ese motivo?
– HM: Nin existiría este libro nin estariamos conversando en galego. Se non hai un grupo de xente, unha resistencia que permite nunhas condicións de total precariedade dar continuidade á cultura galega que florecera con tanto vigor nas décadas previas ao golpe de Estado, o galego disolveríase, acabaría dialectalizado, converteríase nun castrapo irrecoñecible como lingua. Non creo nin que houbese Estatuto de Autonomía nin a mínima corrente de uso de galego culto. Esa xente foi a que fixo posible manter un pouco aceso o facho. Era a grande obsesión que eles tiñan: trasladarlle a tradición cultural á xente nova que estaba crecendo nun ambiente no que esa tradición estaba totalmente invisibilizada. (…)”