Entrevista de Antón Escuredo a Ledicia Costas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Despois de Infamia volta con Golpes de Luz, outra novela ben acollida por crítica e público. Cal é o seu segredo?
– Ledicia Costas (LC): Non coñezo a fórmula. Cada libro, cada escrita, cada proceso literario é un salto ao baleiro e non sabes o que vai a suceder. O deseño dunha obra literaria ten moito de incerteza. Eu non imaxinaba o que sucedeu con Infamia, como tampouco imaxinei o que está pasando con Golpes de Luz. O que pensaba eu constantemente era que estaba escribindo un libro que non tiña nada que ver coa novela anterior e non sabía o que pasaría. É certo que lle dedico moitas horas, esforzo e traballo, entreguei a miña vida á literatura. Non coñezo outra fórmula.
– ND: Ten algo que ver, tamén en Golpes de Luz, ese misterio sen resolver que deita nas páxinas?
– LC: Son moi instintiva. Como lectora, gústanme esas historias que non es quen de deixalas, motivan a que sigas lendo. Queres avanzar cara o final e logo dosificas para non saír desa historia. Por ese motivo eu sempre escribo as novelas baixo esa premisa. Quero que os meus libros tamén sexan así.
– ND: Como construíu o relato desta última obra póndose na pel de tres xeracións diferentes?
– LC: Son voces, a nivel xeracional, moi afastadas unhas das outras. Foi moi complexo construír ese triángulo de voces. Sobre todo a de Luz, que eu quería, por riba de todas as cousas, que soase auténtica, de verdade. Tiven que facer un profundo labor de escoita na miña propia avoa. A dunha muller maior, de ao redor dos 80 anos, que comparte barrio. Eu sabía que unha novela así, escrita a tres voces, tecnicamente era un reto máis complexo que facelo desde un só punto de vista.
Tamén sabía que se esas voces fracasaban, tamén fracasaría a novela. Por iso, o reto máis grande dese libro foi a construción desas voces. Non teñen nada que ver a voz de Sebas, que identificas inmediatamente, coa voz de Luz ou Xulia, con outros rexistros. Foi o traballo máis grande deste libro: conseguir que esas voces fosen autónomas. (…)”