Compostela: actividades do 17 de xuño na SELIC 2023

Finalistas da XIX edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Ledicia Costas: “O deseño dunha obra literaria ten moito de incerteza. Cada libro é un salto ao baleiro”

Entrevista de Antón Escuredo a Ledicia Costas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Despois de Infamia volta con Golpes de Luz, outra novela ben acollida por crítica e público. Cal é o seu segredo?
– Ledicia Costas (LC): Non coñezo a fórmula. Cada libro, cada escrita, cada proceso literario é un salto ao baleiro e non sabes o que vai a suceder. O deseño dunha obra literaria ten moito de incerteza. Eu non imaxinaba o que sucedeu con Infamia, como tampouco imaxinei o que está pasando con Golpes de Luz. O que pensaba eu constantemente era que estaba escribindo un libro que non tiña nada que ver coa novela anterior e non sabía o que pasaría. É certo que lle dedico moitas horas, esforzo e traballo, entreguei a miña vida á literatura. Non coñezo outra fórmula.
– ND: Ten algo que ver, tamén ​en Golpes de Luz, ese misterio sen resolver que deita nas páxinas?
– LC: Son moi instintiva. Como lectora, gústanme esas historias que non es quen de deixalas, motivan a que sigas lendo. Queres avanzar cara o final e logo dosificas para non saír desa historia. Por ese motivo eu sempre escribo as novelas baixo esa premisa. Quero que os meus libros tamén sexan así.
– ND: Como construíu o relato desta última obra póndose na pel de tres xeracións diferentes?
– LC: Son voces, a nivel xeracional, moi afastadas unhas das outras. Foi moi complexo construír ese triángulo de voces. Sobre todo a de Luz, que eu quería, por riba de todas as cousas, que soase auténtica, de verdade. Tiven que facer un profundo labor de escoita na miña propia avoa. A dunha muller maior, de ao redor dos 80 anos, que comparte barrio. Eu sabía que unha novela así, escrita a tres voces, tecnicamente era un reto máis complexo que facelo desde un só punto de vista.
Tamén sabía que se esas voces fracasaban, tamén fracasaría a novela. Por iso, o reto máis grande dese libro foi a construción desas voces. Non teñen nada que ver a voz de Sebas, que identificas inmediatamente, coa voz de Luz ou Xulia, con outros rexistros. Foi o traballo máis grande deste libro: conseguir que esas voces fosen autónomas. (…)”

Ledicia Costas: “Quería escribir unha novela de luz e bos momentos que conseguise arrincar algún sorriso”

Entrevista de Ana G. Liste a Ledicia Costas en Praza:
“(…) – Praza (P): Van 21 anos desde que se publicou Unha estrela no vento e xa vas camiño dos 30 libros editados, quen contaba daquela, verdade?
– Ledicia Costas (LC): Era imposible. Empecei a escribir sendo adolescente. A primeira novela que me publicaron escribina sendo alumna de instituto, entón, estaba todo por facer. Non sabía nada do sistema literario galego. Non sabía absolutamente nada, só que me gustaba escribir. E tiven a fortuna de que Xerais me publicou moi cedo pero, a partir de aí, tiven que construír unha carreira literaria pouco a pouco. E aquí está sobre a mesa!
– P: Botando a vista atrás, que é o que máis che sorprende de todo isto?
– LC: Chegar a converter aquilo que me gustaba facer na miña profesión, sorpréndeme. E tamén, desde o galego, estar traducida a linguas doutros sistemas literarios como o persa, o italiano, o portugués, o romanés ou o checo –ao que me están traducindo agora–. A medida que pasaban os anos fun sorprendéndome de chegar a outros sistemas literarios sen renunciar nunca ao galego. (…)
– P: E Golpes de Luz foi unha sorpresa para ti? Tes comentado que segues o teu instinto para priorizar o que queres escribir en cada momento.
– LC: Son moi visceral escribindo e con Golpes de Luz fun a primeira sorprendida. Non esperaba atreverme a escribir unha novela na que unha das protagonistas fose unha muller de oitenta anos e conseguir que fose carismática. Estou moi satisfeita e moi orgullosa, creo que é moi difícil construír un personaxe como Luz, desa idade e cunha demencia, e que sexa icónica. Tamén por escribir unha novela para adultos onde hai unha voz infantil e unha voz dunha muller de avanzada idade e que teñan tanto peso.
– P: A novela colle moita forza nos diálogos entre os personaxes, somos quen case de escoitalos falarnos. Como se consegue iso na escrita?
– LC: É difícil explicar ese proceso. Eu sento diante do ordenador e paso moitísimas horas pensando, sen avanzar, simplemente dedicada a iso: a pensar. E logo hai un traballo moi forte de pulir o texto, de ler en voz alta e eliminar cousas que son inverosímiles, por exemplo nos diálogos. A primeira escrita, máis en bruto, é unha cousa; despois vén ese traballo de revisión e de renuncias: porque ao mellor hai frases que che parecen moi bonitas, ou que son case máxicas, ás que tes que renunciar porque non resultan cribles na voz dese personaxe ou no rexistro no que te estás expresando. É unha cuestión de pulir, revisar e reescribir. Non hai outra maneira. Como cando unha escultora ten unha pedra de granito –ou de mármore– e ten que comezar a darlle forma a iso. Como se fai? Pois hai moito de emoción e de técnica. É unha combinación de todos eses elementos. (…)”

Ledicia Costas: “As familias xiran arredor dos nenos e avós, pero son expulsados da literatura adulta”

Entrevista a Ledicia Costas na Televisión de Galicia:
“”O silencio é unha goma elástica ao límite, a piques de rachar”, a cita está tomada de Golpes de luz, a última novela de Ledicia Costas, unha indagación nos segredos familiares dunha xeración que creceu convivindo coa droga nos 90 en Galicia. A novelista viguesa asina unha obra a medio camiño entre a novela de aventuras e o retrato xeracional. A entrevista pode verse aquí.”

Ledicia Costas: “Escribín Golpes de luz coa conciencia de que necesitamos cousas que nos fagan sentir ben”

Entrevista a Ledicia Costas en Cíes Podcast:
“Lembranzas da noite de reis Ledicia Costas. Tamén falamos de libros infantís e xuvenís, e de Golpes de Luz. A entrevista pode escoitarse aquí.”