Desde Nós Diario:
“O escritor José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) é o gañador da sexta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor gaditano concorreu ao certame coa obra A porta. Un relato de violencia, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
Ao certame presentáronse 49 escritos, duplicando a participación das dúas últimas edicións, só superada polos 54 orixinais recibidos na primeira edición. Deste xeito, o Premio Laudamuco leva promovido a escrita de máis de 200 textos teatrais en galego, cumprindo así o obxectivo para o que foi creado inicialmente.
O xurado -composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario- destaca que “o texto posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación”. (…)”