José Luis Baños de Cos gaña o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“O autor gañou o premio pola obra presentada baixo o título de Fóra de xogo.
No concello da Pobra do Caramiñal, a 29 de decembro, reunidos os membros do xurado do VI Premio de Literatura infantil Carlos Mosteiro, composto por María Xesús Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Canosa, escritora, gañadora da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Despois das correspondentes deliberacións, o xurado decide por maioría outorgar o premio a á obra presentada baixo o título de Fóra de xogo, baixo o lema De pombas, aguias e señores corvos, que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de José Luis Baños de Cos, nado en 1977, licenciado en dereito e antropoloxía social, gañador en 2020 e 2022 do Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, coas obras A cámara escura, e Lume, publicadas pola editorial Galaxia.
O xurado valora desta obra o seu contido social, o tratamento dos seus personaxes femininos protagonistas e o alento poético dunha historia que reivindica os dereitos das nenas a través do deporte, a amizade e os soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza.”

José Luis Baños de Cos, premio Exeria de proxectos de creación literaria 2023

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión do Premio Exeria de proxectos de creación literaria a José Luís Baños de Cos. O obxectivo desta convocatoria é fomentar a creación literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización. O premio consiste na dotación de 3.000 euros e na xestión dunha viaxe a Xerusalén con hospedaxe na Residencia Al Mamal.
Segundo a acta de resolución da convocatoria, o xurado acordou concederlle o premio por maioría. “A proposta de José Luis Baños de Cos destaca, en primeiro lugar, porque a cidade de Santiago é protagonista, ao mesmo nivel de calquera outra personaxe. Recrea ademais un tempo de ilusións e esperanza como o da República, que consideramos pouco tratadas na nosa creación literaria. O proxecto estrutúrase a partir das distintas fases da edición dun libro emblemático como son os Seis poemas galegos de Federico García Lorca na Compostela dos anos 30″.
O xurado considera “especialmente interesante o feito de que o proxecto leva a cabo un recoñecemento e reparación dun elenco longo de personaxes, figuras que foron fundamentais neste período histórico. Valoramos tamén a súa vocación por ampliar públicos, aspecto este tan necesario para o teatro galego e parar a creación literaria nosa en xeral. E o equilibrio que establece entre a proposta textual e a escénica que aseguran a súa viabilidade” (…)”

Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luis Baños de Cos gañan os premios de literatura dramática da Xunta

José Luis Baños de Cos gaña o V Premio Vidal Bolaño 2022

Desde Galaxia:
“Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a actriz Cecilia Vázquez Martínez, Delio García Represas, profesor do IES Ribeira do Louro, e Raquel Castro, como secretaria; decide, por unanimidade, onte, na sede da Editorial Galaxia, outorgar o Premio á peza presentada baixo o título Lume. Que aberta a plica resultou ser da autoría de José Luis Baños de Cos.
O Xurado destaca da peza que sexa unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todos os personaxes sofren as consecuencias. A escrita, cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dálle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.
Trátase dunha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.”

Ernesto Is gaña o XVI Premio Abrente da MIT de Ribadavia

Desde Erregueté:
Ernesto Is (Xixón, 1988), membro do consello de redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro, é o gañador do XVI Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Profetas, unha reflexión sobre a arte, o amor, as cidades e as ficcións que nos conforman como persoas. O xurado, composto pola actriz Patricia Vázquez, o dramaturgo José Luis Baños de Cos e a escritora Anna R. Figueiredo, salientou de Profetas “a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz”.
Este é o segundo Abrente para o dramaturgo asturiano, xa que no ano 2016 a súa peza Fendas foi premiada xunto a Todo sobre Eva de Xandra Táboas. O galardón consiste na edición da obra por parte da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas na súa Colección Abrente e mais 3500 euros. (…)”

José Luís Baños De Cos gaña o III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020

Desde Galaxia:
“A obra gañadora do III Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020 é A cámara escura.
O mércores 23 de setembro, ás 12:00 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2020. O gañador José Luís Baños De Cos, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), a alcaldesa Eva García de la Torre, a concelleira de Educación, Lourdes Moure e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
O xurado, formado polo dramaturgo Zé Paredes, Delio García, en representación IES Ribeira do Louro, Inma López Silva, en representación de Editorial Galaxia, e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que, alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade. A temática é tamén de actualidade e sen didactismos, e preséntanos cuestións que poden ser de índole filosófica. É un texto actual e eminentemente teatral, xa que se lle pode sentir o pulso da escena.” (…)”