Entrevista de Laura Veiga a Henrique Monteagudo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal foi a contribución de José Luis Pensado na edición da obra de Martín Sarmiento?
– Henrique Monteagudo (HM): Até hoxe é o editor máis importante, tanto por cantidade de textos como pola importancia dos textos que editou de Sarmiento. Antes de que el empezase, aló por 1970, había moi poucas edicións destes textos, e as que había tiñan unha calidade moi deficiente. El centrouse nos escritos filolóxicos referidos ao galego, publicando practicamente toda a obra de Sarmiento dedicada a esta cuestión. Sarmiento non publicou case nada en vida, e desde logo nada dos seus escritos sobre o galego, polo que a súa obra era de difícil acceso.
Podemos dicir que até Pensado era unha obra case descoñecida. Con todo, tamén temos que entender que Pensado traballou case sempre sobre copias de copias. A colección Media Sidonia apareceu nos anos 90. Hoxe podemos revisar as edicións de Pensado a partir de copias máis fieis das que tivo el. Hai diferenzas que son interesantes, como a cuestión da gheada e a gueada. Os escritos de Sarmiento dannos a visión de como os galegos da época pronunciaban o castelán con gue. Isto non se vía nos manuscritos que manexou Pensado.
– ND: Inevitabelmente, esta recuperación tamén tivo un pouso na cultura galega.
– HM: Sarmiento foi unha especie de mito, porque foi o primeiro formulador do que poderiamos chamar galeguismo que defendía o país e a lingua, á súa maneira. Isto era coñecido no século XIX, mais dunha maneira un pouco vaga. Era máis a fama que o feito de que se soubera realmente o que el escribira. Desde as edicións de Pensado temos acceso a un testemuño importantísimo de cal era a situación do galego no século XVIII e a unha cantidade de materiais lingüísticos de extraordinaria calidade. Isto sumado a outros traballos realizados por José Santos Puerto ou á edición que estamos facendo no Consello da Cultura Galega.
Sarmiento xa non é só un mito. Agora está sendo recoñecido como unha das grandes figuras da Ilustración, xa non só na Galiza, senón tamén no Estado español. Pensado sostén que Sarmiento é un home contrario á Ilustración. O que defendo eu, e que hoxe é máis aceptado entre os especialistas en Sarmiento, é o contrario: Sarmiento foi un adiantado ao seu tempo, en sintonía en moitos aspectos co pensamento ilustrado. De feito, o que máis queda aínda por estudar e publicar é todo o referido á historia natural. Estase vendo que estaba moi ao día de temas científicos e que di cousas moi interesantes neste ámbito. (…)”