Anxo Angueira: “A literatura galega contemporánea nace con Sarmiento”

Entrevista de Montse Dopico a Anxo Angueira en Magazine Cultural Galego:
“A literatura galega contemporánea comezou con Sarmiento. O Rexurdimento arrancou, desta maneira, no século XVIII, co que foi o primeiro galeguista. Esta é a tese que o profesor Anxo Angueira defende no seu ensaio Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento, publicado na colección iBroLiT do grupo de investigación GAELT da Universidade de Vigo.
. Montse Dopico (MD): A túa proposta apóiase en textos de Méndez Ferrín, Antolín López Peláez ou Ángel Salcedo. Como xurdiu?
– Anxo Angueira (AA): Pois a partir do estudo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Notei que o primeiro poema, o da nena gaiteira, tiña claras conexións co Coloquio de Sarmiento. Despois investiguei nos artigos de Murguía sobre os precursores e confirmei isto mismo. Así, comecei a ler o Coloquio con outra perspectiva. Tamén estaba o que dixo Ferrín, Monteagudo, Antolín Peláez… Observei, así, que o Coloquio fora lido con moitos prezuízos. O propo Sarmiento dixo que o seu Coloquio era só un libro para ensaiar a lingua, mais non é verdade. Eso mesmo dicíao Rosalía, ademais. O Coloquio é un artefacto estético moi potente e moi sólido, moi avanzado para o seu tempo. Entón, eu creo que cómpre revisar a historia da literatura galega. Os Cantares Gallegos de Rosalía marcan un inicio, e tamén un final de algo que viña de antes. Porque a literatura galega contemporánea nace con Sarmiento.
– MD: A tese é atrevida. Cuestiona a historiografía.
– AA: Pero non o digo eu só. Mariño Paz, Armando Requeixo, Henrique Monteagudo e Méndez Ferrín pensan tamén que o Coloquio non foi só un divertimento filolóxico. Sarmiento era consciente de non estar só facendo un instrumento, un pretexto para o estudo da lingua. Estaba a facer literatura popular. Estaba a verificar orixe e esplendor da lingua galega. Entendo que para defender o que digo non só teño que cuestionar a historiografía da literatura, senón tamén a da historia política. Para min, Sarmiento é o primeiro escritor contemporáneo e o seu Coloquio é a primeira obra contemporánea galega. Mais tamén é o primeiro galeguista. Para Xusto Beramendi a historia do galeguismo comeza co provincialismo, no XIX. Mais outro historiador, Barreiro Fernández, englobou na etapa do pre-galeguismo a actividade de varios intelectuais da Ilustración e, entre eles, Sarmiento, coa súa defensa do galego. Para min está claro que hai un fío literario e político que vai desde Sarmiento ata Rosalía de Castro. (…)”

Cuestionario Proust: Henrique Monteagudo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Henrique Monteagudo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Optimismo da vontade, pesimismo da razón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Intelixencia e honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión e apoio.
4.– A súa principal eiva?
– Precipitación.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A realización plena.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda da miña dona ou dunha filla.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– País, neste que vivo. Cidade: Nova York.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as do mar, desde o azul opaco ata o verde cristalino.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A dos chuchameles.
12.– O paxaro que prefire?
– O mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
– Borges, Poe, Saramago, Cunqueiro, Martín Sarmiento.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Fernando Pessoa.
15.– Un libro?
Os camiños da vida.
16.– Un heroe de ficción?
– Éitor.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
– Son moi ecléctico: desde a medieval e a clásica ata o jazz e o rock and roll.
19.– Na pintura?
– Giorgio de Chirico, Magritte, Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malala Yousafzai.
21.– O seu nome favorito?
– Durandal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A pesadez e a mala educación.
23.– O que máis odia?
– O ruído.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia británica contra a ofensiva nazi en 1940-42.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– A morte non me preocupa moito, preocúpame moito máis a doenza.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tornadizo, tendendo a ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A gula e a lascivia.
30.– Un lema na súa vida?
Hinc et nunc, que é o reverso complementario de Tempus fugit.”