Preséntase no Centro Ramón Piñeiro unha edición facsimilar da revista Xistral

DesdeManuel María a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou este serán no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) unha edición facsimilar da revista poética Xistral publicada no ano 1949 por Manuel María, autor que será homenaxeado o próximo Día das Letras Galegas.
Valentín García sinalou que, “vista coa distancia que proporciona o tempo, Xistral foi unha aventura literaria que simbolizou tamén a continuidade dunha lingua e dunha cultura”, polo que, máis alá do seu indubidable valor artístico, “é un referente na loita a prol da cultura galega” que ten gañado un lugar de honra na nosa historia.
O secretario xeral estivo acompañado polos profesores Luís Alonso Girgado, coordinador da publicación; Manuel González González, director científico do CRPIH; Blanca Ana Roig-Rechou, directora da área de Literatura do CRPIH, e Claudio Rodríguez Fer, prologuista da edición.
Edición facsimilar
A revista Xistral (Lugo, 1949) foi unha aventura de mocidade do, daquela, aínda estudante de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro, quen dirixiu a cabeceira e publicou nela os seus primeiros versos. Na iniciativa, que durou apenas dous números, contou coa colaboración do seu amigo Manuel Antonio Sopena Somoza. Malia a súa curta vida, nestas entregas figuran poemas de autores lucenses tan destacados como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
A edición facsimilar publicada polo CRPIH conta con textos introdutorios de Claudio Rodríguez Fer e mais do responsable da edición, Luís Alonso Girgado, e reproduce tamén unhas palabras liminares a propósito de Xistral pronunciadas no seu día por Manuel María. (…)”