O domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.