Manuel Rivas: “Máis que a cocaína, o tema da novela é a loita polo poder”

Entrevista de Santiago Jaureguizar a Manuel Rivas en El Progreso:
“El Progreso (EP): Todo é silencio é a crónica dunha loita de poder e pola ostentación dunha riqueza conseguida rapidamente?
Manuel Rivas (MR): Si, máis cá cocaína, o tema desta novela é o poder. Había xente que se encontrou con que podía gañar diñeiro con algo que non era pecado, porque contrabando sempre houbo coas mulleres que pasaban a fronteira preñadas e volvían paridas.
EP: Foi un problema de escala, de empezar a facer o mesmo pero ao grande?
MR: Máis ben de que se rompeu a escala. Houbo un capitalismo máxico. Foi como eses días milagrosos nos que o barco volve a porto cheo de lubina ou robaliza, pero ese día milagroso eran todas as noites. Deuse algo que aparece no Manifesto comunista, onde se fai referencia aos capitalistas como o mago tolo, que ten superpoderes e non sabe que facer con eles. Sen embargo aquí había plan, os narcos foron infiltrándose nos concellos e nas cámaras de comercio, mesmo había plan para entrar na Xunta. Xa non lles chegaba con mercar coches mellores cós de Alberto de Mónaco ou de entrar como clientes importantes nos bancos suízos.
EP: Está vostede escribindo a historia do século XX en Galicia nos seus libros, mesmo en Os libros arden mal fala do país falando da Coruña. É algo premeditado?
É certo que hai unha continuidade. Os libros arden mal é un libro sobre o fascismo político, ideolóxico e cultural. Acaba coa pregunta «Que prezo ten isto?». Esa é a pregunta contemporánea e o que liga esa novela con Todo é silencio. Pero non é premeditado. É como o andar de Charlot, que non sabe onde vai, pero que ten un sentido. Agora teño tres historias na cabeza e hai unha relacionada con esta novela.