O domingo 8 de maio ás 17:00 horas, no Petón do Monte Xalo (Cerceda), adianto do VENTO LOIS, organizado pola Asociación Cultural Lucerna, coa participación de Estibaliz Espinosa, Miguel Mato, Ramón Vilar e Samuel Paris, entre outros.
“‘O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande’, escribiu Lois Pereiro. Mais, por onde comezar a expandilo? Velaí a cuestión á que lle queremos poñer resposta desde a Asociación Cultural Lucerna, de Cerceda.
O Vento Lois anda soprando con forza en todos os recunchos do país. Ao noso concello tamén chegou algo desa brisa e empurrounos a artellar un novo xeito para expandir o universo. O lugar escollido? O Monte Xalo, un deses espazos onde peta ben o vento e desde o que polinizar o aire con palabras xeitosas para contribuír á expansión do universo.
En que consistiría exactamente o acto? Apoiándonos no vendaval que percorrerá o mundo o vindeiro 12 de maio convocado pola seita loisista leremos o Manifesto Loisista no Petón do Monte Xalo. De seguido abrirase un recital para compartir coas persoas que asistan e cos grandes bolos graníticos do Xalo poemas de Lois Pereiro, textos propios, mensaxes a/sobre Lois… Logo, a música pechará o acto para impulsar as mensaxes lanzadas ao vento do Xalo, contribuíndo así á expansión do Universo…
A devandita expansión do universo será gravada para compartila o 12 de maio con todo o planeta.
Gustariamos de contar coa túa presenza nesta homenaxe para participar na lectura do manifesto e no posterior recital. Agardamos a túa presenza para conseguir unha expansión do Universo potente e duradeira.’