Marcos Calveiro: “Lois era un santo, todos falan ben del”

Entrevista a Marcos Calveiro en La Región, desde Xerais:
“- La Región (LR): E como e a ese Lois do quel lle falaron?
– Marcos Calveiro (MC): Era un santo, un santo en vida. De verdade, todo o mundo fala moi ben del nas súas lembranzas. A memoria a constrúe un na súa cabeza, é algo moi mentireiro, pero os ollos da xente non minten. Todo o mundo falaba del coma un ser excepcional, xeneroso, boa persoa, encantador e moi retranqueiro. (…)
– LR: Os epítetos de poeta maldito, poeta punk.., quedan confirmados ou hai que ir máis aló do mito Lois Pereiro?
– MC: O malditismo é moi relativo. Era un poeta que estaba en boca de moita xente nova, que comezabamos a escribir en galego e nos gustaba a literatura galega, como alguén de referencia. Iso de maldito vai máis ben unido ao fatalismo da súa vida. E o que ten de punk, pois tamén é moi relativo. Foi punk porque naquel momento había punk. Pero logo deixou de selo e coidaba moito a súa apariencia. Era un dandy, coma Baudelaire.
– LR: Está o Lois poeta, o Lois prosista, o Lois guionista, o letrista. Con quen se queda?
– MC: Todos nos quedamos co Lois poeta. Poesía última de amor e enfermidade é un libro de poesía obscena no sentido de que el se abre e conta a súa historia toda, o amor, a súa relación cos demais, coa súa adicción. Pero logo ten un texto como Modesta proposición que se adianta a panfletos dos que se está falando agora, como o Indignádevos!. A novela (Náufragos no paradiso) dun tipo que non se estilaba moito na literatura galega. É unha novela máis de estirpe europea, moi influenciada por Thomas Bernhard. Algúns dos párrafos mellores de Lois están na novela. Prosa poética, con imaxes moi potentes, expresionistas. Todo o mundo o asocia aos poemas e ao famoso Narcisismo que cantou Radio Océano (o grupo de música do seu irmán). Son poemas nos que se nota a pegada das linguas que dominaba e da música, do rock. É moi contemporáneo.
– LR: Todo iso marcou aos escritores que viñeron despois, como é no seu caso?
– MC: Creo que si. É unha referencia da cidade, do mundo urbano e das súas propias referencias, que son cultísimas.”