Texto de Carlos Negro na presentación de Masculino singular en Lalín

Desde13260102_1640567896269267_5301615925804899156_n Trafegando ronseis, blogue de Gracia e Anxo (a foto provén do mesmo blog):
“Sempre é un pracer estar cos amigos, coa xente que se quere. E se un destes amigos presenta un seu libro, a satisfacción e o orgullo é dobre. Así que si, onte, no museo da vila, Carlos Negro presentou o seu último libro de poemas (“sei que escribo poemas pero non sei se fago poesía”) publicado por Xerais.
No acto estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o seu ex-profesor Mario Pereira, quen incidiu neste feito e na emoción que para el supuña que Carlos, alumno del hai case 30 anos, amosase a súa ideoloxía feminista mediante un libro que provoca tantos sentimentos.

Déixovos o texto de Carlos:
Corte de afeitado (apuntamentos arredor de Masculino singular)
1. Masculino singular nace dun corte do afeitado. Do sangue da escrita. Ou como adiantou Rosalía de Castro, do sangue das entrañas.
2. As miñas entrañas son as dun home de mediana idade que decide profundar no espello e mirar que imaxe lle devolve o tempo, a memoria, os ritos tribais, a cultura dominante, a estirpe e as tripas. O rostro dun ser en evolución, que non quere seguir participando dese círculo vicioso da herdanza recibida, do poder arbitrario, dos privilexios mantidos con violencia, real ou simbólica, porque o noso destino semella seguir sendo machos e os nosos falos son lanzas erectas polo Poder, así con maiúsculas.
3. Estes poemas son efectos secundarios do(s) feminismo(s), da súa potencia transformadora, que foi modificando, sobre todo na última década, o meu xeito de pensar e de sentir(me); son poemas escritos non para portar ningunha pancarta que reporte unha recompensa de progresismo, senón para albiscar, entre as ruínas do noso tempo, un ecosistema cultural onde ningún bardo da tribo impón o seu criterio por collóns. Porque se é certa a hipótese de que está a conformarse unha nova masculinidade, debe medrar desde a ética, e non desde a cosmética. Porque máis alá das aparencias, o dinosauro do machismo segue a estar aí, obsceno e prepotente.
4. Por suposto, estes poemas escríbense desde unha posición ética, o cal non implica adoptar o posicionamento do sacerdote no púlpito da igrexa. As armas preferidas de Masculino singular son a ironía e a desmitificación, non a contundencia do panfleto.
5. Neste contexto, o libro representa un combate puxilístico contra a chatarra semántica que propaga o machismo como un andazo, sen diplomacia ningunha. Mergulla a voz nos residuos lingüísticos do patriarcado, na súa pornográfica inmoralidade. Porque sobrevivimos atrapados nun hipermercado de Carne hipertrofiada e despezada a gusto do consumidor, e ao alcance dun clic ou dun toque do dedo nas pantallas. Consumo de destrución masiva, corpos lowcost 24 horas 365 días ao ano.
6. Sei ben de onde procedo. Dunha cultura heterosexual dominante baseada na pornografía e na prostitución. Dos ritos de paso á idade adulta nos puticlubs de polígono industrial. Dunha mitoloxía adolescente baseada en ereccións e mamadas. Dunha linguaxe agresiva ata o delirio, onde a maior parte das mozas con iniciativa sexual eran definidas como zorras, sen ningún tipo de eufemismo. Si, sei ben de onde procedo. Pero tamén sei que xa non quero regresar aí. Nunca máis. Porque son responsable da educación dun fillo de dez anos e non quero que o aprendan a ser un home de verdade. Porque a paternidade merece ser vivida como unha opción de tenrura activa, e non lle acae tanta misoxinia nin represión dos afectos.
7. Este conxunto de poemas pode lerse como se estivésemos a pasear por unha sala de múltiples espellos, onde os reflexos se multiplican e permiten unha mirada poliédrica. En realidade, Masculino singular foise construíndo como un conxunto de textosespello que se complementan entre si, ben por asociación, ben por contraste. E esa asociación enriquece o sentido, multiplica as posibilidades interpretativas. Porque os espellos, moitas veces, existen fóra do texto, noutras voces que constitúen un punto de partida, ou quizais un punto de fuga do discurso.
8. Este corpus poético sería pouca cousa sen esa transfusión sanguínea que recibe dos versos de Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, de Isolda Santiago e Xohana Torres, de Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo do austríaco Peter Handke e de Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos, porque seguen a ser mestres da palabra, pero non os mestres que iluminan o porvir.
9. Fin das citas textuais. A fin de contas, non vimos a este mundo para entrar na Real Academia dos Bos e Xenerosos. Que se lle vai facer. Quen lles fala só escribe poemas, con maior ou menor acerto. Punto final. O resto, incluído o mérito da lectura, está fóra do seu alcance.”

O autor acompaña o lector: Xabier P. DoCampo

DesdeXabierDoCampo 2 o blogue Trafegando ronseis:
“Dende hai dous cursos tiña en mente este proxecto, unha serie de vídeos que amosasen que o autor está detrás das páxinas que lemos, que imos avanzando polas liñas que el escribe para cada un de nós. Pero para levalo a cabo os atrancos foron máis dos esperables.
Desta volta, un par de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a amabilidade e xenerosidade de axudarme a que este proxecto vexa a luz e editaron unha serie de vídeos que vos irei presentando ao longo destes días. Pouco a pouco, de seguro, iremos mellorando. Teremos que ir superando algunhas eivas obvias.
Nesta ocasión será Xabier P. DoCampo que nos preste a súa voz mentre lemos O país adormentado.

Poesía nas aulas: Antonio García Teijeiro

Anotación no blog Trafegando Ronseis:
“Antía e Nuria achegáronse á obra de Antonio García Teijeiro e mantiveron con el un diálogo escrito. Estas son as súas impresións:
Poder falar con este autor sen dúbida foi unha moi boa experiencia. Cambiou a nosa perspectiva de ver o mundo da Literatura. Ver como é capaz de expresar o que sente escribindo, dun xeito do que tod@s gostamos, con poesía, historias… Quedounos moita pena de non poder encontrarnos co poeta en persoa, e saber máis del. Pero estaba a traballar na súa Antoloxía, e agasallounos con parte do seu tempo contestando as nosas preguntas, polo que non temos máis ca agradecemento.
Lemos moitos poemas del, e gustáronnos especialmente Ventiño e Chove nos versos, e aínda que xa rematamos o traballo temos pensado buscar os seus libros e seguir léndoo.
Facer traballos deste tipo parece que nos introducen máis no que é a escrita e ganas de ler.”

O IES de Silleda dedica unha aula a Antonio Reigosa

Desde Xerais:
“O IES Pintor Colmeiro de Silleda dedicou unha aula a Antonio Reigosa, tal e como recolle o blog Trafegando ronseis.
“Onte foi outro deses días extraordinarios que a min me deixan totalmente exhausta pero completamente satisfeita. Recibir un escritor, amigo, e que a homenaxe saia ben, que os bos momentos sexan todos, e que as brétemas que ás veces nos alcanzan cheguen a desaperecer… Temos un alumnado marabilloso, entregado, simpático… disposto a quedar sen recreos, a facer horas “extras” para agasallar cun álbum, para ensaiar unha obriña. Estou absolutamente rendida á súa xenerosidade.
Por suposto, Reigosa deleitounos coa súa retranca e os seus contos. Como o d‘O gato con botas en versión moderna. E contestou preguntas e o tempo voou. (…)”.

A literatura infantil e xuvenil móvese na rede

Reportaxe en Sermos Galiza:
“Desde o seu nacemento, a editorial Kalandraka revolucionou a edición do libro infantil e xuvenil, en especial coa súa dedicación ao álbum ilustrado do que o selo de Pontevedra se convertiu en abandeirado. Cunha páxina web e un blogue informativo na rede, Kalandraka anuncia neste Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil no que fai quince anos da súa creación unha nova plataforma de comercio electrónico polo que os 1300 títulos que leva publicados se poderán adquirir en calquera parte do mundo. Canda ela, todas as editoriais que teñen nos seus fondos e ofrecen nas súas novidades libros de LIX teñen unha presenza activa na rede, desde Oqo Edicións á máis nova Patas de Peixe entre as especializadas, alén das xeneralistas como Xerais, Galaxia ou Baía que contan cun amplo fondo de publicacións para a xente miúda.
A rede faise eco tamén da rica creación literaria para lectores de menores idades e, desta maneira, os grandes nomes da LIX atoparon en blogues e páxinas web unha nova maneira de difusión e encontro co público lector. Con especial coidado e moita dedicación, a recente incorporación ao espazo dixital de Agustín Fernández Paz, un dos nomes máis sólidos da nosa historia literaria, supuxo unha nova ventá para coñecer a un dos autores máis lidos e posibelmente o máis traducido que verque na rede non só as súas novidades editoriais senón tamén os seus gustos literarios e os seus pensamentos persoais. Entrevistas, ensaios, publicacións e mesmo o seu blogue persoal achéganos a Agustín Fernández Paz que difunde os novos materiais a través das redes sociais. “Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia” reza o encabezamento do blogue de Xabier P. Docampo, un espazo virtual no que o autor ofrece de cando en vez episodios vitais e reflexións persoais a través da rede. Á páxina web recurriu Fina Casalderrey na súa entrada na rede, cun espazo informativo no que a autora, ademais de dar a coñecer a súa obra e a súa traxectoria literaria ofrece un interesante texto autobiográfico.
Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o escritor Miro Villar botou a andar a través do seu blogue As Crebas o sorteo de dous exemplares do seu libro O nariz de Fiz, obra que foi galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez. “Fiz ten un can rabelo, que ven sendo isto?” preguntou o escritor na rede e coas respostas sorteará os dous exemplares para conmemorar a xornada na que faría anos o escritor Hans Christian Andersen. Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Helena Villar ou Francisco Castro son autores da LIX que contan tamén con espazos propios na rede. E non só nomes persoais dan pé a páxinas e blogues, Elena Gallego Abad deulle protagonismo ao título da súa Dragal, Triloxía do Dragón para lle outorgar protagonismo coa creación da súa páxina oficial.
Con páxina web e blogue asoma a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que vén de publicar o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2013, coas novidades editoriais da escrita para as idades novas. O catálogo recolle 144 títulos publicados por 40 editoras ao longo do ano 2012.
Son só algúns dos exemplos onde atopar a literatura infantil e xuvenil na nosa lingua a través da rede que nos ofrece tamén sorpresas como o celebrado blogue de Anxo e Gracia, Trafegando ronseis, que dá conta da actualidade editorial e recolle neste día o poema de Pat Mora co que mundialmente se conmemora a xornada e que para a nosa lingua trouxo a escritora Concha Blanco. (…)”

Carlos Negro presenta… Makinaria

Desde Trafegando ronseis:
“Di meu pai “el hombre propone y Dios dispone”. E así sucedeu con este vídeo. Cando o ano pasado veu Carlos Negro naquel día inesquecible para todas e todos nós, o meu prezado compañeiro Anxinho gravouno case integramente. Pero estragouse o ordenador, perdeuse o traballo… ata agora, que conseguiu recuperalo. E aquí está: só son uns meses de retraso, xa que Carlos veu máis ou menos polo mes de abril. Un día no que falamos de velocidade, da morte de mozos e mozas pola súa inconsciencia, de, en fin, Makinaria.”