A Coruña: nace a Escola de Escritoras e Escritores da AELG cun obradoiro de escrita creativa a cargo de Antía Otero, a partir do 13 de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio de CEDRO, crea a Escola de Escritoras e Escritores da AELG, unha iniciativa que ten como obxectivos, cos autores/as como guía, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
•afondando nos motivos que alimentan a literatura,
•proporcionando estratexias para a escrita de ficción,
•destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade,
•partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe,
•concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo,
•poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria.
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros, contidos…

A primeira actividade é este Obradoiro de Escrita Creativa dirixido a persoas a partir de 16 anos, que será impartido pola escritora Antía Otero durante oito semanas (unha sesión de dúas horas cada semana de 18:00 a 20:00) os seguintes días: 13, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro. É de balde ata completar matrícula. Será no Museo de Belas Artes (Rúa Zalaeta, s/n – A Coruña). A unha das sesións asistirá outro escritor/a para contar a súa experiencia creativa.
O obradoiro, botando man de imaxes literarias e artísticas, achegará chaves interdisciplinares para descubrir e explorar elementos importantes nas creacións como son a imaxinación, a escoita, o tempo, o espazo, os personaxes, as escenas, os diálogos… Unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación, da comprensión e do diálogo persoal co feito literario e coa arte en  xeral.  O obxectivo é proporcionar estratexias básicas para a escrita,  destacando que para escribir hai que desenvolver a capacidade de observación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade circundante. O prazo para anotarse comeza hoxe e remata o luns 10 de outubro e pode facerse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org ou chamando por teléfono ao 981-133233.