‘De traballo de cregos ao criterio filolóxico: os clásicos en galego’

Artigo de Daniel Salgado en El País: “(…) Raúl Gómez Pato avisa de que as carencias teñen marca de orixe nos Séculos Escuros. É dicir, Galicia non pasou polo Renacemento nin polo Século de Ouro, o tempo en que as literaturas europeas reintepretaron os clásicos nas súas linguas. Só en 1864, un ano logo de que Rosalía de Castro publicase Cantares Gallegos e inaugurase a literatura galega moderna, Francisco Mirás puxo en galego 11 fábulas de Gaio Xulio Fedro. “A súa versión aparece nunha gramática, no Compendio de Gramática gallega-castellana“, explica a profesora da Universidade de Santiago Teresa Amado, experta na historia de tradución grecolatina ao galego e ela mesma tradutora de Luciano ou do Dafnis e Cloe de Longo. Mirás colocou o seu traballo como apéndice do manual porque “aínda non había textos literarios galegos e usaban as traducións como exemplos”. (…) Xesús Alonso Montero lamenta que a Eneida de Gómez Ledo continúe inédita. E a profesora Amado pide novas versións de Homero e “todo o teatro grego, que ten unha influencia enorme no teatro galego actual, por exemplo en Manuel Lourenzo“. De momento, a Safo de Gómez Pato, os Relatos verídicos de Luciano de Samósata por Xurxo Pereira e Xosé Abilleira, e as Bucólicas de Fuentes Castro pechan a cadea.”