“A pegada de Eros”

Artigo en El País:
“Non hai en toda Europa outro poeta que, coma Martín Códax, conte dacabalo entre os séculos XII e XIII como unhas mozas se van bañar ao mar co seu “amigo”. Nin outro autor do tempo de Cunqueiro que poña a un fillo a meterlle a lingua na boca a súa nai, como en O incerto señor don Hamlet. Son só dous exemplos escollidos polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para refutar a, ao seu ver, estendida lenda urbana sobre o cativo desenvolvemento da literatura erótica en galego. Un estereotipo cuxo obxectivo é, asegura, “o intento de presentar a nosa literatura como atrasada”. A etiqueta literatura erótica, reflexiona a escritora e profesora María do Cebreiro, puido ser “produtiva mediática e criticamente” a partir dos noventa. Iniciativas como os Contos eróticos de Xerais, o premio Narrativas Quentes de Positivas, o Illas Sisargas, o Máquina de Vapor ou o Ferve a Rede contribuíron a visibilizala. Mais calquera óptica sobre o tema bate co primeiro atranco da dificultade de delimitar o seu obxecto. “Non ten sentido ensaiar unha definición de literatura erótica que teña vixencia desde Platón a Yolanda Castaño”, advirte a autora dos poemas de (nós, as inadaptadas). Segundo o concepto de xénero erótico que se manexe, a súa presenza xúlgase de modo distinto. A profesora Dolores Vilavedra sinala n’A narrativa galega na fin de século o desenvolvemento serodio da novela erótica. Pero matiza que, vencido o “tabú”, xeneralízase a aparición de escenas de contido erótico. Convida, ademais, a non confundir literatura erótica coa que inclúe algunha descrición do acto sexual. O crítico Francisco Martínez conflúe con ela ao subliñar a demora do asentamento do xénero na narrativa. E propón como explicación a censura franquista. Porén, “a primeira novela erótico-sentimental galega, A modelo de Paco Asorei de Xoán Xesús González, foi publicada no 1933”, lembra. (…)”