“A pegada de Eros”

Artigo en El País:
“Non hai en toda Europa outro poeta que, coma Martín Códax, conte dacabalo entre os séculos XII e XIII como unhas mozas se van bañar ao mar co seu “amigo”. Nin outro autor do tempo de Cunqueiro que poña a un fillo a meterlle a lingua na boca a súa nai, como en O incerto señor don Hamlet. Son só dous exemplos escollidos polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para refutar a, ao seu ver, estendida lenda urbana sobre o cativo desenvolvemento da literatura erótica en galego. Un estereotipo cuxo obxectivo é, asegura, “o intento de presentar a nosa literatura como atrasada”. A etiqueta literatura erótica, reflexiona a escritora e profesora María do Cebreiro, puido ser “produtiva mediática e criticamente” a partir dos noventa. Iniciativas como os Contos eróticos de Xerais, o premio Narrativas Quentes de Positivas, o Illas Sisargas, o Máquina de Vapor ou o Ferve a Rede contribuíron a visibilizala. Mais calquera óptica sobre o tema bate co primeiro atranco da dificultade de delimitar o seu obxecto. “Non ten sentido ensaiar unha definición de literatura erótica que teña vixencia desde Platón a Yolanda Castaño”, advirte a autora dos poemas de (nós, as inadaptadas). Segundo o concepto de xénero erótico que se manexe, a súa presenza xúlgase de modo distinto. A profesora Dolores Vilavedra sinala n’A narrativa galega na fin de século o desenvolvemento serodio da novela erótica. Pero matiza que, vencido o “tabú”, xeneralízase a aparición de escenas de contido erótico. Convida, ademais, a non confundir literatura erótica coa que inclúe algunha descrición do acto sexual. O crítico Francisco Martínez conflúe con ela ao subliñar a demora do asentamento do xénero na narrativa. E propón como explicación a censura franquista. Porén, “a primeira novela erótico-sentimental galega, A modelo de Paco Asorei de Xoán Xesús González, foi publicada no 1933”, lembra. (…)”

Homenaxe a Xohán Xesús González

A Asociación O Fervedoiro leva varios anos desenvolvendo varias actividades na recuperación da figura do escritor nacionalista fusilado en 1936 Xohán Xesús González. O vindeiro mes inaugurarase na vila do Baño (concello de Cuntis, Pontevedra) a exposición itinerante sobre este escritor que leva por título Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario. Na inauguración van expoñer ademais varios poemas de diversos escritores/as galegos/as, algúns xa editados e outros novos e/ou inéditos na honra da figura de Xohán Xesús. Contarán cos versos de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Lois García, Xosé Luna Sanmartín, David Otero, Antía Otero, Fernando González Graña, X. Vázquez Pintor ou Vicente Araguas. A Asociación quere ofrecer a posibilidade de que calquera escritor/a galego/a que estea interesado en realizar un poema sobre Xohán Xesús o entregue, nun prazo máximo dun mes, na dirección do Fervedoiro: Asociación O Fervedoiro, Rúa do Convento, 5, 1º, vila do Baño, 36670 Cuntis (Pontevedra – Galiza). Deberase entregar un exemplar mecanografado ou autógrafo, da extensión que quixer o seu autor/a, pero claramente asinado por el. O ano que vén, de ir todo como está previsto, publicarase nun libro toda a compilación poética.

Presentación de libros de teatro na Estrada

Na Estrada está prevista para esta semana a presentación das seguintes obras: Camiño de volta,de Paco Lareo; A primavera continuará, de Manuel Fragoso; Cando os libros toman té, de Teresa González Costa; Felisa, de Xoán Xesús González (introdución e edición de Marcos Seixo); Falsas confidencias, de Marivaux (tradución e adaptación de Carlos Loureiro Rodríguez); Grazas Padre Ramón, de Manuel Daniel Varela Buxán (tradución e adaptación de Xosé Luna). Será o venres 18 de maio ás 20:00 horas na Galería Sargadelos.