Parlamento das Letras: Baldo Ramos

Entrevista de Armando Requeixo a Baldo Ramos en Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
– Baldo Ramos (BR): Empecei a escribir sen saber moi ben o que facía. Logo andei á procura das marxes da linguaxe. Dei coa pintura, coa caligrafía, e souben que a poesía é un territorio de creación ilimitado, no que a liberdade é unha escusa para ir sempre máis alá, para estar sempre experimentando. E nestes momentos estou desencantado da escrita convencional, por iso nos últimos tempos o que máis me interesa é esculcar nas posibilidades do libro como soporte, como continente: o libro obxecto, o libro de artista, a edición non seriada… (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– BR: Ás nosas letras fáltanlles, evidentemente, lectores e máis espazos que fomenten ou acollan iniciativas orixinais. Tamén proxectos que as dean a coñecer aquí e fóra de aquí sen paternalismos nin partidismos. Con profundidade de miras e sen prexuízos extraliterarios. E sobrarlles, ao meu entender, non lles sobra nada. Ninguén pode estar de máis no ámbito da creación, interésenos máis ou menos o seu traballo. E os erros na literatura non deberían provocar condenas, senón revisións e melloras. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BR: Coido que as nosas letras están a vivir un bo momento creativo, quizais o mellor momento creativo da súa historia. Pero os escritores galegos sabémonos nunha encrucillada. Non nos preocupa tanto ese debate trasnoitado de escribir para que, senón que o noso dilema pasa por atopar resposta á pregunta de escribir para quen. (…)”