Publican en inglés o libro de Manuel Rivas A desaparición da neve

Manuel Rivas, o autor galego con máis libros traducidos ao inglés, ofrecerá o vindeiro mes un novo título aos lectores anglófonos. O 15 de abril publicarase The Disappearance of Snow, a versión inglesa de Lorna Shaughnessy do poemario A desaparición da neve. O libro aparecerá en Shearsman Books, que xa ten no seu catálogo obras de autores galegos como Chus Pato. Tamén en abril Rivas presentará o libro por partida dobre en Irlanda. Dunha banda, protagonizará un acto no Instituto Cervantes de Dublín, mentres que por outra participará no festival literario Cúirt, na localidade de Galway, onde falará, xunto co escritor vasco Kirmen Uribe, sobre identidade e culturas minoritarias, en conversa con Jonathan Dunne, o seu tradutor habitual.” Vía La Voz de Galicia.