A Coruña: inauguración da exposición A Galicia do Galicia, sobre Valentín Paz Andrade

A Fundación Barrié inaugura o 2 de maio, na súa sede da Coruña, unha exposición comisionada polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, arredor da vertente xornalística de Valentín Paz Andrade. Debuxos, carteis, fotografías, correspondencia, exemplares orixinais do xornal ou obxectos persoais son algúns dos materiais que conforman a mostra. Trátase de documentos inéditos na súa maioría e procedentes, entre outras entidades, da Real Academia Galega, que renden homenaxe ao xornal Galicia, unha das cabeceiras máis relevantes da nosa historia xornalística. A Fundación Barrié súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), poñendo en valor e á disposición do público xeral o labor xornalístico levado a cabo polo homenaxeado no Día das Letras deste 2012. En palabras do secretario da Academia e comisario da mostra, Xosé Luís Axeitos: “A biografía intelectual de Paz Andrade non se pode explicar sen a súa faceta xornalística e sen Galicia”. No entanto, a exposición constitúe tamén un documento testemuñal en si mesma, pois “Galicia é a sinatura dos degoiros galeguistas dos anos vinte”, conclúe o secretario. A inauguración terá lugar o mércores 2 de maio ás 12:30 horas na sede da Fundación na Coruña e nela participarán José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Alfonso Paz Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade; e Xosé Luís Axeitos Agrelo, comisario da exposición e secretario da Academia. A mostra poderá visitarse ata o 1 de xullo.” Vía Real Academia Galega.