Xosé María Álvarez Cáccamo: “A Igrexa segue a recorrer aos atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificarse”

Entrevista a Xosé María Álvarez Cáccamo en Dioivo:
“(…) Xosé María Álvarez Cáccamo opón (…) no seu último libro, A Boca da Galerna. Luz da materia contra o invento de Deus, a ciencia e a razón contra a superstición. A obra inaugura, xunto con Ruínas ao despertar de Manuel Vilariño, a colección Spiralia de Espiral Maior que, a través da edición bilingüe, trata de achegar as poéticas existentes nas distintas linguas do Estado español ao espazo iberoamericano. “A colección continúa o camiño iniciado con El otro medio siglo. Antología incompleta de poesía iberoamericana, explica o responsable de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello. “Ese libro recollía poesía galega, catalá, vasca, portuguesa, brasileira, e castelá, española e americana. A partir dese proxecto, o obxectivo é proxectar no exterior a poesía galega, con edicións bilingües con traducións ao castelán. A idea é, así, tentar actuar nun mercado externo, máis amplo, ao lado das outras linguas peninsulares. E tamén ensanchar o espectro da edición e a distribución de poesía no Estado, pois son unhas poucas empresas as que dominan todo o mercado”, explica. Deste xeito, -engade-, “nunha época de crise económica e cultural, Espiral tenta abrir novos espazos, ir máis alá, romper certo muro e crear unha nova corrente que ilumine algo o panorama. Porque tamén hai certo enclaustramento no mundo da literatura que non é bo”. A Boca da Galerna retrata un Deus extremadamente violento e vingativo, que lembra o do Antigo Testamento. “Non estou a falar só do Deus católico, senón de todos os Deuses. Só que, no caso da relixión católica, a Igrexa segue a recorrer a eses atributos malignos do Deus do Antigo Testamento para xustificar os seus puntos de vista. Esa imaxe de Deus non foi revisada”, asegura Álvarez Cáccamo. (…)”