A letra con música entra

Entrevista en Sermos Galiza:
“A referencia tomouna Xurxo Souto de Luísa Villalta quen, no seu libro O outro lado da música, a poesía, explica a historia da literatura galega en clave musical. Ao seu carón tiña a tres das persoas que máis están a revolucionar o panorama musical dos novos tempos. O Leo, de Leo e Arremecaghoná, María Xosé Silvar de Sés e Miguel Mosqueira das Ataque Escampe, que viña de conmemorar o décimo aniversario do grupo. Coñecidas polos seus traballos e polas actuacións en locais diversos, Xurxo revelou un dato que moi pouca xente sabe: licencíaronse en filoloxía. “A literatura é vida e a música é unha das pontes”, comentou O Leo para iniciar o debate. “Necesitamos fórmulas de afirmación identitaria e se son lúdicas mellor” espetou María para quen as cancións fan que “a xente interiorice contidos que doutra forma non faría”. A corpo aberto Sés teorizou coa mesma forza que canta os seus temas e dixo que “a lingua ten unha dobre condición como idioma e como elemento cultural no que o pobo se reafirma e isto en nacións sen estado como a nosa é moi importante”. Temperou o debate Miguel Mosqueira ao falar de música e literatura como “códigos distintos, quen escribe a letra dunha canción non ten que facer un bo poema”. Tamén a distancia se mide na rima. “Na poesía do século XXI será un un por cento a que ten rima consoante e as cancións que non a teñen serán tamén un un por cento, a poesía ten outra liberdade” afirma o músico das Ataque. Pero aí estaba María Silvar para volver achegar os rexistros e recomendarlle ler á xente que fai letras. “Non hai razón para non facer unha boa letra para unha canción agás a incapacidade. Se queres facer música, pois escoita música e se queres escribir letras, pois le”. Así de claro. (…)”