Méndez Ferrín: ”A Paz Andrade gustaríalle que se fixese un uso político do seu pensamento económico, que está máis vivo ca nunca”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Este homenaxeado [Valentín Paz Andrade] ten escasa obra literaria. ¿Inflúe isto na percepción que del poida ter o público nun día como o das Letras Galegas?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Non, a escaseza de obra literaria vén compensada cunha chea de obras de pensamento económico, político e literario. Agora a súa obra poética vaise incrementar porque se van publicar libros novos inéditos.
– G: Parece que a sociedade demanda un achegamento da RAG aos galegos. ¿Que lle parece o contacto entre a academia e os institutos?
– XLMF: A Real Academia Galega é unha institución que se resiste a ser unha momia. É a depositaria da memoria cultural e nacional do país, polo que ten que recibir as escolas e ter contacto coa xente. Ten que estar viva. (…)
– G: E como escritor, ¿séntese máis a gusto na poesía ou na prosa?
– XLMF: Á poesía esíxolle moito. Como escritor teño o vicio de ir sempre máis alá, forzar os límites. Interésanme máis os contos breves. (…)
– G: ¿Como ve a literatura galega actual?
– XLMF: Está nun intre de moita potencia. Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres. Estamos nun momento moi rico, un signo de saúde deste pobo.
– G: Nós somos estudantes de portugués. ¿Que opina do ensino desta lingua nos institutos?
– XLMF: Sempre o pedín. Paz Andrade sostiña que hai que aprender portugués. De feito, Pescanova fíxose co monopolio da pesca en Mozambique grazas aos negociadores que sabían portugués.”