Marcos Calveiro: “Amancio Ortega non é exemplo ético de nada. Quen teña cartos que faga algo polo país!”

Entrevista a Marcos Calveiro en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Voulle facer unha pregunta tan típica como reiterada. A literatura infantil e xuvenil segue a ter unha inxusta consideración dentro do canon literario?
– Marcos Calveiro (MC): Pese a figuras como Agustín Fernández Paz ou Xabier P.DoCampo, segue a ter unha consideración menor. E iso que no caso de Agustín… Agustín xa é unha figura que se sae do molde da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), xa é un exemplo ético e reivindicativo. Eu lémbrome que cando publicara Festina Lente, alguén me dixera: “Vaia, es escritor!” E xa levaba catro ou cinco novelas escritas! É dicir, a xente segue a ver a LIX coma unha literatura de segunda división. Para min é o contrario. A mellor literatura que se fai en Galicia agora mesmo é a LIX. Hai libros extraordinarios, con moitísimo máis nivel que moita da literatura para adultos. Supoño que ten moito que ver con que os medios poñen moito máis o foco na literatura de adultos. Pero realmente a LIX é a que está a formar lectores, a que máis vende e a que máis traducións ten no mundo adiante. En fin, a min tanto me ten. Eu non escribo un libro pensando se vai ir a unha colección infantil, adolescente ou de adultos. (…)
– D: Por que Calveiro escribe novelas afastadas no tempo e na xeografía? Non lle atraen as novelas ambientadas na Galicia contemporánea, por exemplo?
– MC: Non é algo intencionado. A min préndenme historias na cabeza e acaban saíndo sen máis. Situándote nese tipo de historias, afastadas no tempo e na distancia, tes máis facilidade de narrar, de fabular. A historia actual estase a contar na rede, nos xornais e penso que non se conta na literatura. Agora todo é moi inmediato. Hoxe hai un bombardeo constante e inmediato, iso non pasaba nin no século XIX nin no XX. Eu aprecio moito unha ferramenta tan instantánea como é twitter. Hai grandes reflexións nos tweets, pese a ser de 140 caracteres como máximo. Francamente, un tweet de 140 caracteres pode valer tanto coma unha novela. É unha ferramenta que pode captar a esencia do momento dun xeito incrible… Supoño que todo iso fai que fuxa un pouco da actualidade, pero non o fago dun xeito consciente. Iso non quita que mañá poida comezar a escribir unha novela do que está pasando en Vigo agora mesmo. (…)”.