Xosé Ramón Barreiro: “Hai lendas falsas sobre Murguía, como que maltrataba a Rosalía ou que tiña priapismo”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Xosé Ramón Barreiro en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Son consciente de que vostede non usa Twitter, pero hai uns días lía a varios usuarios recoñecendo que descubriran a importancia de Murguía grazas ao seu estudo.
– Xosé Ramón Barreiro (XRB): Murguía foi unha figura excelsa, non o digo porque o estudase, que o achegamento sempre aumenta o entusiasmo. Antes de comezar a facelo xa o tiña como o intelectual máis grande do século XIX. Era un escritor e un periodista extraordinario, e un gran traballador, que dignificou todo o que se refire a Galicia.
– EP: Por que unha biografía tan voluminosa?
– XRB: El quedara escurecido pola inxente figura da súa muller. Precisamente, a ausencia dunha biografía provocou que fosen aparecendo biografías coa intención de perseguir ao personaxe.
– EP: A que atribúe esa persecución?
– XRB: Uns, de Madrid, porque non participan do seu galeguismo. Outros, aquí, porque teñen unha concepción tan pechada do nacionalismo que non o valoran polo feito de que as súas obras están escritas en castelán ou por esa lenda de que as relacións con Rosalía non eran boas. Eu non intentei facer un panexírico. (…)”