Reportaxe en Praza:
“(…) Atl gañou o premio Blanco Amor 2011. E chegou ás librarías ao mesmo tempo que 15.724 de Xesús Constela, a historia dunha Patria asentada na mentira. Galaxia editou, tamén hai pouco, 2044 de Eduardo Santiago. A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Mais a súa presenza nas nosas letras non é un fenómeno recente. O investigador Jorge Emilio Bóveda prepara un ensaio sobre o tema. “A primeira novela que podería considerarse de protociencia ficción galega foi dun galego afincado en Cuba: Luís Otero Pimentel. O libro titulouse Campaña de Caprecórneca (A Habana, 1898) e describía unha viaxe á lúa na liña das dos precursores da ciencia ficción moi anteriores a Xulio Verne”, explica. (…)
“Pero non veríamos un rexistro concreto do xénero ata 1926 cando Rafael Dieste publica no seu libro Dos arquivos do trasno un conto titulado 11926, na liña de A máquina do tempo de H.G. Wells, facendo comezar, ao meu ver, non exactamente o xénero da ficción científica en galego senón o subxénero da utopía negativa (distopía) ou a ucronía, que non estouparía ata os anos setenta coa obra Elipsis e outras sombras de Xosé Luís Méndez Ferrín”, engade. (…)”