Santiago: O Salón Teatro acollerá o 27 de outubro a primeira gran homenaxe do Ano Vidal Bolaño

“O ano Roberto Vidal Bolaño vai collendo corpo. Este martes 11 de setembro farán dez anos do seu falecemento e dende a contorna do escritor estase xa a ultimar unha gran homenaxe para lembrar o dramaturgo a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas do próximo ano. O tributo celebrarase o 27 de outubro no Salón Teatro de Compostela e pretende ser unha gala na que se lembre todas as dimensións do autor de Saxo Tenor. “O acto está pensado como unha gran gala con actuacións musicais e teatrais. A idea é que sexa unha homenaxe na que estean presentes os seus amigos e participen persoas da cultura e da sociedade”, explica Roi Vidal, fillo do dramaturgo, quen xa adiantara en Praza que esta homenaxe tamén buscaría “subliñar o conxunto da traxectoria vital do escritor”. (…)
Ademais das montaxes teatrais e a homenaxe de outubro, unha das principais iniciativas ao redor de Vidal Bolaño dos próximos meses será a publicación das obras completas do dramaturgo. Será o selo Positivas o responsable de levar, a partir do próximo xaneiro, todos os textos do escritor ás librarías nunha colección de cinco tomos diferentes. (…) As obras completas dividiranse segundo o criterio establecido polo profesor Xosé Manuel Fernández Castro na súa tese de doutoramento sobre o dramaturgo, publicada por Laiovento en 2011 baixo o título A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. O propio Fernández Castro colabora activamente, xunto a Roi Vidal e Paco Macías, na publicación da obra completa, que será repartida en catro tomos titulados Agora, Outrora, Antroido e Adaptacións. Nun quinto volume recolleranse os textos non dramáticos, nos que se inclúen artigos e guións audiovisuais. (…)” Vía Praza.