A RAG leva ante o Supremo o decretazo da lingua e denuncia a negativa ao diálogo da Xunta

Desde Sermos Galiza:
“A batalla xurídica contra o decretazo da lingua da Xunta do PP chega até as máximas instancias estatais. O presidente demisionario da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou dende a sede da rúa Tabernas da Coruña que a institución cultural presentou no Tribunal Supremo de Madrid un recurso de casación contra a sentenza do TSXG referente á polémica norma lingüística do actual goberno galego, da que só anulou dous puntos. “Pedimos a anulación total”, afirmou Ferrín, que tamén se mostrou optimista xa que, segundo as súas palabras, “falei con algúns avogados e dixéronme que presentamos un recurso moi bo e temos posibilidades de gañar e cambiar así a presente política cultural”.
“Nós temos unha boa relación coa Xunta, menos neste asunto”, afirmou Ferrín, que estivo acompañado por Xosé Luís Axeitos e Manuel González. Este último foi o que recoñeceu que o recurso de casación presentado pola RAG podería chegar a retirarse se o goberno do PP estivese disposto a sentarse a negociar unha mudanza da súa política lingüística. Ferrín denunciou o desleixo co que o Executivo de Feijóo tratou á Academia nesta cuestión: “Antes da elaboración do decreto, a RAG solicitoulle á Xunta poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Infelizmente a Xunta impediu que a RAG cumprira a súa función, o que nos obriga ao noso pesar a reivindicar de xeito legal a defensa do idioma, a única razón de ser desta Academia que fundou Murguía”.
“Vivimos nunha situación de diglosia, cun bilingüismo desigual que mantén o galego en inferioridade e con esta acción a RAG pretende que se actúe a prol da normalización, para a cal o sistema educativo é decisivo. Queremos que se volva á norma aprobada por unanimidade en 2004, cando Feijóo era vicepresidente. Teño saudade daqueles tempos nos que había consenso sobre o galego no Parlamento, agora hai disenso, no Parlamento e na rúa”, indicou o presidente da Academia, que lamentou que “a algúns que parece que non lles importe que se extinga o galego botarían as mans á cabeza se derrubaran o Pórtico da Gloria, cando o idioma é unha obra moito maior”. (…)”.

Desde a web da Real Academia Galega infórmase tamén polo miúdo:
“A RAG agardou a reacción da Xunta de Galicia en relación coa sentenza que anulou varios puntos fundamentais do decreto. Como queira que a Xunta de Galicia presentou escrito de preparación de casación, con data 14 de decembro de 2012, e ratificouse no mesmo o 21 de decembro de 2012, e como tampouco abriu a posibilidade de modificar o Decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma galego, esta Real Academia viuse obrigada a preparar escrito de casación, que rexistrou o 8 de xaneiro de 2013, e posteriormente presentou o recurso o 4 de marzo de 2013 para recorrer en casación pedindo a anulación total do Decreto da discordia. E isto por dous motivos:
1) Porque antes do inicio da elaboración do Decreto, a RAG solicitoulle á Xunta de Galicia poder exercer as súas funcións institucionais de defensa e promoción do idioma galego, emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante. Actuou así para contribuir á elaboración da mellor norma posible para a normalización do idioma galego, obriga do goberno galego e mandato contido na lei de normalización que o decreto tiña necesariamente que desenvolver.
Ao tempo a RAG ofreceu e solicitou que se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unamidade.
Infelizmente a Xunta de Galicia impediu que a RAG cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do Decreto, o que nos obrigou -ben ao noso pesar- a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta Academia.
A RAG manifesta que o que quixo, quere e pretende é seguir defendendo a súa función de participar na elaboración de toda norma ou plan relativo ao mellor coñecemento e uso da lingua galega para acadar o seu uso normal.
2) En tanto a situación da lingua galega sexa de inferioridade, como ocorre de xeito evidente, entende a RAG que a Xunta de Galicia e todos os poderes públicos teñen a obriga constitucional, estatutaria e legal de promover con políticas activas a súa normalización. Isto é, estender o seu coñecemento e uso en todos os ámbitos da vida pública e social.
A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e uso en moitos ámbitos dos que foi excluído, e aos que aínda non retornou.
Neste sentido o decreto recorrido é un paso atrás: é o primeiro dos decretos sobre o sistema educativo en Galicia que se afasta do mandato normalizador.
Entende a RAG que o Goberno Galego, con independencia do partido que o asuma en cada momento, ten necesariamente que exercer a súa función de dirixir e impulsar a recuperación efectiva do que quizais sexa o principal elemento do patrimonio cultural colectivo dos galegos e das galegas: a lingua.
Queremos rematar facendo unha nova chamada ao esforzo colectivo para a recuperación do consenso no que é algo máis que un sinal de identidade do noso país.”