Cesáreo Sánchez Iglesias: “O teatro galego sempre estivo cos que buscabamos que a Galiza fose outra cousa”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A Asociación de Actores e Actrices de Galicia elixiuno para elaborar o manifesto por estarmos “nun momento en que o papel que xoga a lingua resulta fundamental”.
– Cesáreo Sánchez (CS): Estamos nun momento no que a nosa lingua non ten o mesmo estatus no ensino que antes do Decreto de Plurilingüismo, no que a cultura creada en galego está en retroceso na súa actividade social; están a pechar coleccións de poesía, compañías de teatro. É evidente que a nosa lingua precisa dunha cidadanía consciente que saiba que, sen o galego, Galiza non vai a ningún sitio como país. É para min unha fermosa responsabilidade poder acompañar as xentes do teatro no día da celebración do traballo de todo un ano, a pesar das sombras que pairan sobre o sector.
– SG: Como contribúe o teatro para construír a nosa historia coma pobo?
– CS: O grande teatro, como é o teatro galego actual, ten a súa raíz chantada no humus da creación colectiva, como segunda pel no devir dunha sociedade. Todo o que aconteceu na nosa historia e, concretamente nos últimos 40 anos, está reflectido na creación dramática. Así, o teatro galego actual é o froito de toda unha xeración polo que o que está en risco é o conxunto de sacrificios individuais e colectivos que se entregaron con paixón á creación dramática.
– SG: Di vostede que o teatro fainos libres por subverter significados.
– CS: Creo que, para a sociedade consciente, o teatro foi sempre un referente ético por nos transmitir o acontecer da vida na súa verdade máis fonda. O teatro ispe os devires do ser humano até os seus significados máis esenciais, déixanos diante de nós mesmos e dános instrumentos para a análise da realidade, permitindo nos comprometer con ela individual ou colectivamente. É por isto que, o seu fin último, é facer de nós homes e mulleres máis libres.
– SG: Que paralelismos atopa entre a loita da súa admirada actriz Dan Thi Linhe e a nosa como galeg@s?
– CS: A través do teatro, esta muller, que era combatente do Viet Cong, sentía que axudaba o seu pobo a loitar pola independencia, mediante a palabra e os cantos dramatizados de poemas amorosos. O teatro galego sempre nos axudou a facernos galegos conscientes e a que nos orgullásemos de o ser, vendo que eran construídas unhas obras dramáticas á altura de calquera cultura de Europa ou do mundo. O teatro galego sempre estivo ao lado dos que buscabamos que Galiza puidese ser outra cousa, como dicía o poema de Novoneyra.
– SG: Denunciou que “os que non aman o teatro son os mesmos que deixan a sociedade desamparada”.
– CS: Pensar que na cultura se pode recortar, cando é unha necesidade vital do ser humano, e deixala sometida ás leis do mercado é unha agresión. A cultura é un dereito, un valor de uso, non de cambio e, polo tanto, empobrecela é quitarnos espazos de liberdade humana. Doutra banda, o teatro é un investimento produtivo, sendo que estamos a falar de postos de traballo nun sector de altísima cualificación. Un actor que vai o paro ou unha compañía que pecha representan a mutilación da nosa sociedade.
– SG: Cunha biografía de só 40 anos, debería o teatro galego ser protexido pola administración?
– CS: Debería ser apoiada na medida en que é unha riqueza cultural, mais tamén social, económica e laboral. Calquera país europeo é especialmente protector co seu teatro, pois que nel está depositado grande parte do sentir e pensar colectivo do seu pobo. Se as actrices e actores galeg@s saen do país, que sexa por vontade propia e non como unha forma de emigración máis porque aquí non teñen traballo. Non é o mesmo marchar a aprender inglés para interpretar a Shakespeare que ir a Londres a servir copas. Hai que demandar das administracións actuais todo o apoio que precisa o teatro galego e toda a cultura en xeral.
– SG: Como valora a elección dun executivo que vén do mundo imobiliario como Jacobo Sutil para presidir o AGADIC?
– CS: Este señor debería ser coñecedor do mundo da cultura e do peso desta na historia de Galiza polo que, unha elección como esta nunha institución como o AGADIC, é canto menos sorprendente.
– SG: O pasado ano, o responsábel de asinar o manifesto foi Méndez Ferrín. Dánase a cultura galega coa súa ausencia da Real Academia Galega?
– CS: A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propuxo este ano perante a Academia sueca a Méndez Ferrín como candidato ao Premio Nobel. Evidentemente é un dano para a cultura galega que o escritor máis recoñecido do país xa non estea dentro da Real Academia Galega. Se o propomos a esta candidatura é porque estamos convencidos que é merecente del e, polo tanto, debería estar na Academia.”