Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books

Desde Sermos Galiza:
“Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.”