Está aberto o prazo para solicitar unha das 25 prazas do segundo obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da AELG, que se adxudicarán por orde de solicitude, con preferencia ás persoas participantes no primeiro obradoiro, celebrado o ano pasado.
O obradoiro, financiado pola Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, é gratuíto, e será impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo. A última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 24 de setembro ao 17 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros) e a inscrición gratuíta poderá formalizarse entre o 9 de xullo e o 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo (Edificio Administrativo do Concello de Lugo, na Ronda da Muralla s/n). O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para as/os participantes no primeiro ciclo do curso.
Durante a presentación aos medios, Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sinalou que “visto o éxito da primeira edición decidiuse continuar xa que entendemos que a oralidade constitúe un dos piares fundamentais para transmitir a nosa cultura”. Pola súa parte, Antonio Reigosa, explicou que “o obxectivo é traballar coa oralidade para transmitir toda a cultura e buscamos chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumnado acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesión prácticas abertas ao público.