Ramón Villares: “A cultura serviu de argamasa na construción da autonomía”

Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“O Consello da Cultura Galega conmemora o venres 27 de setembro os seus primeiros trinta anos. Un período no que, segundo o seu actual presidente, o historiador Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951), a cultura desenvolveu un camiño parello ao da autonomía, a cuxa consolidación contribuíu. O Consello naceu en 1983 «coa vontade de facer institucións que acompañasen o proceso da autonomía», lembra. (…)
– La Voz de Galicia (LVG): Dende 1983 Galicia mudou moito. ¿Cales serían os logros principais no eido da cultura?
– Ramón Villares (RV): Como éxito global, creo que o de facer normal na vida institucional, algo menos na cotiá, a cultura galega. A lingua, o gusto polo patrimonio, a literatura, a arte, por todo aquilo que ten que ver con Galicia. Non é que antes non existise, pero creo que a autonomía favoreceu moito esa tendencia. Galeguizáronse moitas institucións, as propias universidades, ou os concellos. Nese sentido, a cultura foi un elemento substancial na construción da autonomía, porque a política, dende o punto de vista de partidos de maior ou menor orientación galeguista, foi, en certo modo, ausente nesa construción. A cultura serviu de argamasa da propia autonomía. Non foi todo feliz nin hoxe podemos dicir que estea todo correcto. Segue habendo moitos problemas e limitacións, pero iso é a vida mesma.
– LVG: ¿Cales son os esas materias pendentes que cómpre afrontar?
– RV: A fundamental é a percepción que a propia sociedade galega ten de si mesma e como quere facer o seu futuro. Creo que aquí hai unha disonancia entre os desexos da sociedade galega e a interpretación que dela fan as elites políticas, empresariais e sociais. O máis sorprendente da situación que vivimos agora é unha certa desafección da sociedade galega polos seus propios valores. Isto a min preocúpame un pouco, aínda que tamén hai que entender que vox populi, vox Dei. Aínda que ás veces se equivoque o pobo, pero se a sociedade vai nunha dirección, non se pode atallar. Podemos facernos algunhas autocríticas, que non sempre son fáciles, pero aínda así creo que o que hai que facer é que algunhas propostas de futuro sexan atractivas, sendo asumidas pola sociedade e que poidan modificar a situación. Pero é algo que está fóra do meu alcance e de institucións como o Consello da Cultura. Creo que en trinta e tantos anos que levamos de autonomía avanzamos moito no ámbito do consumo cultural, da democratización da cultura, pero non todo é perfecto e hai que ter en conta que hoxe a cultura atópase con problemas aquí e fóra, aínda existe unha visión elitista da cultura. (…)”