Artigo de Marga Do Val en Sermos Galiza:
“Hai dez anos a morte de Xela Arias con só corenta e un anos, moitas ganas de vivir e quizais no mellor da súa vida, nai dun fillo, conmocionaba o mundo cultural galego. Unha delegación de escritores e escritoras atopábase no marco da reunión anual da Federación Galeusca, en concreto no Museo da Paz de Gernika, cando esta mala nova chegou a través dunha chamada telefónica do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo á escritora Yolanda Castaño, a noticia batía coma un mazazo.
Profesora de literatura de ensino medio nos últimos tempos, ligada desde o inicio a Edicións Xerais de Galicia, onde realizara traballos de corrección de estilo, poeta e recoñecida tradutora, nacera en Lugo en 1962, aos sete anos trasládase cos seus pais a Vigo que será xa o seu lugar de residencia. Xela Arias tamén foi un dos rostos que se levantou contra a burla negra do Prestige a súa voz estivo presente en moitos actos de protesta e queda reflectida en publicacións como Alma de Beiramar (2002).
Desde unha perspectiva actual aínda sorprende no panorama literario o poemario publicado en 1986 Denuncia do equilibrio, innovador de forma e transgresor de contido, como abraia en 1990 Tigres coma cabalos, quizais un dos libros máis fermosos como obxecto da poesía galega, quizais un dos espellos-pozos nos que caer ou dos que fuxir para indagarmos sobre a dependencia e a liberdade, o ser ou non ser, unha ousadía.
En 1994 ofrécenos a súa experiencia da maternidade e preséntanos unha nai inédita no seu entrañábel Darío a diario. Todos estes poemarios circulan hoxe de man en man, ás veces en exemplares fotocopiados, hai quen aínda consegue dar con algún en librerías de vello, todos, agardan unha reedición. Unha autora que xa cumpre todos os requisitos para ser homenaxeada co día das Letras Galegas, incluso o das obras esgotadas. (…)”