Eloi Caldeiro: «Quixen que se vise a Xela rockeira e canalla»

Entrevista a Eloi Caldeiro en La Voz de Galicia:
“Ten querenza Eloi Caldeiro por musicar aos escritores aos que se lle dedica o Día das Letras. Xa o fixo con María Mariño, Álvarez Blázquez e Ramón Piñeiro. E agora con Xela Arias. Se ben desta volta hai connotacións que fan deste disco algo especial. Os dous son de Sarria e chegaron a coñecerse persoalmente. Lembra Caldeiro, que por entón formaba parte de Tebras, que nun recital en Salceda de Caselas no ano 93 Xela lle confesou que lle gustaría facer letras para rock. «E agora dixen: ‘Voulle cumprir o desexo’. Aínda que foi complicado por como escribe Xela. Un verso ten 3 sílabas, o seguinte 17… Buscarlle o ritmo e encaixalo nos compases non foi sinxelo».
– La Voz de Galicia (LVG): Optou por levala ao rock de vella escola.
– Eloi Caldeiro (EC): Si, a ela gustáballe moito o rock. E, dalgún xeito, os dous formamos parte daquilo que se chamou os poetas da xeración rock.
– LVG: En que se baseou para escoller os textos?
– EC: Escollín dez poemas de Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos. Busquei poemas nos que non tivese que alterar demasiado a escrita para non desvirtualos. Hai xente que musica poetas, pero que para iso desmonta o poema. Eu non, eu trato de ser o máis fiel posible.
– LVG: Que quería transmitir de Xela?
– EC: Eu quería que se vise esa Xela rockeira e canalla. Por iso moitas das letras falan de ambientes de bares…, desa parte que viviu ela máis rebelde. Teñen como un transfondo medio punki. A súa non é unha linguaxe poética ao uso. Por iso tamén escollemos para a portada unha foto na que sae cunha chupa de coiro. Como se fose ela a rockeira e quen cantara.
– LVG: Sorprende o actual que semella.
– EC: Efectivamente. Son poemas escritos nos 90, pero a súa é unha linguaxe absolutamente moderna, actual e que conecta perfectamente coa xente que hoxe ten 18 ou 20 anos. Ten esa mesma actitude e un certo toque sarcástico, pero non de retranca galega. É outra historia. Poderían ser perfectamente letras que tivese feito calquera grupo de rock neste momento.
– LVG: Aínda que xa ten musicado a máis escritores, este foi un proxecto especial.
– EC: Si, claro. Primeiro, porque é unha rapaza de Sarria, que non é precisamente unha vila envorcada co galego. Grazas a ela conseguimos trocar o rueiro e a rúa José Antonio agora chámase Xela Arias. E polo feito de que fose o berce de alguén que representa o inicio da modernidade da poesía en galego. Se a iso lle sumas o feito de facelo en clave de rock, pois si, para min é un proxecto moi especial.”

“Xeliña fala galego”: as raíces do compromiso de Xela Arias

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Grazas aos contactos cos núcleos galeguistas dos seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño, Xela Arias medrou inmersa nun ambiente no que o galego era unha lingua de cultura e de oposición á ditadura. Amais de ser a lingua materna, o galego constituíase nun humus no que medraban manifestacións literarias, artísticas e políticas e, talvez por iso, a poeta foi especialmente precoz no cultivo da literatura e no insubornábel compromiso lingüístico.
Unha das cousas que está desvelando o Día das Letras Galegas deste ano é o gran peso da infancia e a mocidade de Xela Arias no desenvolvemento posterior da súa obra e a significación que o contacto co galeguismo e o nacionalismo tivo na súa personalidade.
En 1968, o pai, Valentín Arias, escribía un texto para o libro das festas de San Xoán de Sarria titulado “Xeliña fala galego” no que deixa orgullosa constancia das vantaxes de educar en galego.
Xa aos once anos, a pequena Xela gañaba o VI Concurso de Contos Infantís, promovido pola Asociación Cultural O Facho, co conto “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”, publicado polo Boletín da Asociación Cultural de Vigo en 1973.
Mais xa antes, aos nove, Arias escribira Non te amola!, unha novela -agora duplamente rescatada, por Galaxia e por unha edición facsimilar do Consello da Cultura Galega- que, vista cos ollos actuais, constitúe unha conmovedora crónica do nacemento dunha sensibilidade e dunha particular mirada que tería unha enorme importancia no posterior desenvolvemento da autora.
O mestre e editor Manuel Bragado, que vén de reunir nunha ‘chiografía’ todos os chíos que foi publicando na súa conta de Twitter sobre a vida e obra de Xela Arias, destaca algunhas experiencias como as excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo ou, na adolescencia, o traslado dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo desde Ourense até o local da Fundación Penzol en Vigo.
“Na nosa xeración era moi raro que alguén fose educado como o foi ela”, explica Bragado. “Xela educouse cun pai e unha nai galegófonos e, ao tempo, na casa dun mestre. Pasa da Granxa de Barreiros, en Sarria, ao colexio Fingoi de Lugo, que son dous centros moi singulares, moi abertos ao galego e cunha actitude pedagóxica moi moderna, o cal era moi raro naquela altura”.
“Xa en Vigo, Xela Arias está moi influenciada polo contacto coa Asociación Cultural de Vigo”, continúa Bragado, “que presidiron Camilo Nogueira ou Afonso Álvarez Cáccamo e na que ocupaba un lugar moi destacado Méndez Ferrín. Esas figuras xa son declaradamente nacionalistas. De feito, Ferrín escribe un artigo saudando a publicación de Denuncia do equilibrio no que fala das actividades da asociación como dun labor de construción da nación”.
Mais si houbo unha figura do galeguismo histórico que seguiu sendo fundamental para Xela Arias: Francisco Fernández del Riego. “Xela é a única muller que participa na homenaxe a Del Riego en 2002”, recorda Bragado, “e nela le un poema que lle dedica e no que lembra que, desde nena, don Paco foi sempre a figura venerábel que admiraba. Mais o certo é que Del Riego era unha figura algo á parte dentro do galeguismo. Era un home moi de esquerdas”.
A Granxa de Barreiros -onde Xela Arias pasou a súa primeira infancia- é un proxecto pedagóxico creado en 1948 por Antonio Fernández López -fundador tamén do Colexio Fingoi de Lugo, intimamente vencellado ao anterior homenaxeado no Día das letras, Ricardo Carvalho Calero– que pretendía integrar a cultura galega e os ciclos da natureza no ensino. O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo. “

“Achegamento a ese desequilibrio necesario nun tempo de tigres e cabalos”, por Rosa Enríquez

Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido… A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita… Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud – “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a Une saison en enfer, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”. (…)”

Dez anos sen Xela Arias

Artigo de Marga Do Val en Sermos Galiza:
“Hai dez anos a morte de Xela Arias con só corenta e un anos, moitas ganas de vivir e quizais no mellor da súa vida, nai dun fillo, conmocionaba o mundo cultural galego. Unha delegación de escritores e escritoras atopábase no marco da reunión anual da Federación Galeusca, en concreto no Museo da Paz de Gernika, cando esta mala nova chegou a través dunha chamada telefónica do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo á escritora Yolanda Castaño, a noticia batía coma un mazazo.
Profesora de literatura de ensino medio nos últimos tempos, ligada desde o inicio a Edicións Xerais de Galicia, onde realizara traballos de corrección de estilo, poeta e recoñecida tradutora, nacera en Lugo en 1962, aos sete anos trasládase cos seus pais a Vigo que será xa o seu lugar de residencia. Xela Arias tamén foi un dos rostos que se levantou contra a burla negra do Prestige a súa voz estivo presente en moitos actos de protesta e queda reflectida en publicacións como Alma de Beiramar (2002).
Desde unha perspectiva actual aínda sorprende no panorama literario o poemario publicado en 1986 Denuncia do equilibrio, innovador de forma e transgresor de contido, como abraia en 1990 Tigres coma cabalos, quizais un dos libros máis fermosos como obxecto da poesía galega, quizais un dos espellos-pozos nos que caer ou dos que fuxir para indagarmos sobre a dependencia e a liberdade, o ser ou non ser, unha ousadía.
En 1994 ofrécenos a súa experiencia da maternidade e preséntanos unha nai inédita no seu entrañábel Darío a diario. Todos estes poemarios circulan hoxe de man en man, ás veces en exemplares fotocopiados, hai quen aínda consegue dar con algún en librerías de vello, todos, agardan unha reedición. Unha autora que xa cumpre todos os requisitos para ser homenaxeada co día das Letras Galegas, incluso o das obras esgotadas. (…)”