A VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, que terá lugar o sábado 9 de novembro, é convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
– Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 9 de novembro de 2013.
Horario: Mañá de 09:45 a 14:00 h. e tarde de 16:30 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.
Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible.
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira …, e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas.
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor.
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade.
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.
PROGRAMA
– 09:45 h. Entrega material e recepción.
– De 10:00 a 11:30 h. Conferencia: Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, por Xosé Lois Vilar Pedreira.
– De 11:30 a 13:00 h. Conferencia: Naufraxios literarios e reais, por Hixinio X. Puentes Novo.
– De 13:00 a 14:00 h. Mesa redonda: A memoria naufragada. Con Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo. Modera: Antonio Reigosa.
– De 16:30 a 17:30 h. Conferencia: O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza, por Xurxo Souto.
– De 17:30 a 19:00 h. Conferencia: Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, por Rosa García-Orellán.
– De 19:00 a 20:00 h. Mesa redonda: Andar o mar. As pegadas do salitre, con Xurxo Souto e Rosa García-Orellán. Modera: Isidro Novo.
– De 20:00 a 20:30 h. Recital poético. Transfusión oceánica, con Xosé Iglesias.
Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falaranos de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título A memoria naufragada e Andar o mar. As pegadas do salitre, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia Transfusión oceánica a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.