Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Pilar García Negro.
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pois non che sei moi ben… A vontade de transmitir o que penso e no que creo, talvez…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que teñan en conta o Outro (e o “Outro” é moi variado, claro está…)
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– A pesadez, ou a nugalla ou a desorde… Calquera, de fóra, diría varias máis, supoño…
5.– A súa ocupación favorita?
– Fóra do traballo, entendo que é… Así que facer o que me peta, sen horarios.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conciliar recordos do pasado con posibilidades do presente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte ou o infortunio da xente que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son: profesora e escritora.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na miña nación: a Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– A verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A malvela e os pensamentos.
12.– O paxaro que prefire?
– O carrizo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eduardo Blanco Amor e Ricardo Carvalho Calero.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro.
15.- Un libro?
– Follas novas, de Rosalía de Castro.
16.– Un heroe de ficción?
– Un contra-heroe: Caliban, d´A tempestade, de Shakespeare.
17.– Unha heroína?
– Mara, de Flavio, de Rosalía de Castro.
18.– A súa música favorita?
– Son músicas, en plural, moitas: case toda a clásica, a das bandas, case toda a galega actual, moita da portuguesa e brasileira, a italiana, moita da inglesa e norteamericana dos anos ´60 e ’70 sobre todo, a bailábel latinoamericana…
19.– Na pintura?
– Castelao e Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A cuidadora cariñosa e responsábel de nenos, vellos ou doentes.
21.– O seu nome favorito?
– Eduardo, Helena, Luís, María, Xavier…
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– O clasismo e a humillación para cos de abaixo. O machismo, patente ou soterrado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O escravista de onte e o imperialista de hoxe.
25.– Un feito militar que admire?
– A expulsión de Batista do goberno de Cuba.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da paciencia e da perseveranza a partes iguais.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Da máis breve posíbel.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pensatibre, que diría o personaxe de Castelao…
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen da boa fe.
30.– Un lema na súa vida?
– Fai o ben que puderes e evita o mal de que fores capaz.”