Miro Villar: “A primeira vez que se reivindicou a poesía do mar na literatura galega foi con López Abente”

Entrevista de Ramón Nicolás a Miro Villar en La Voz de Galicia, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
– (…) Ramón Nicolás (RN): Que significa a súa obra [de Gonzalo López Abente] para a literatura galega?
– Miro Villar (MV): Gonzalo López Abente é un dos poetas máis interesantes das primeiras décadas do século XX, con Cabanillas e Victoriano Taibo. Todos tres representan a poesía das Irmandades da Fala. Alén diso, Abente era moi valorado na súa época, por Antón Vilar Ponte ou por Vicente Risco que o definiu como «o noso mellor poeta do mar» e devecía polos seus sonetos de Do Outono (1924). De feito, Abente foi elexido en 1936 polos seus coetáneos para presidir a primeira Asociación de Escritores Galegos, outro proxecto fanado pola golpe fascista de 1936 e a guerra (in)civil. (…)
– RN: Cal é a orixe desta Poesía completa?
– MV: Constituída en 2010 a Fundación López Abente en Muxía, da que fun unha das persoas fundadoras, principiou a valorizarse a reedición da súa obra para o seu mellor coñecemento. De primeiras levei adiante a edición literaria de Bretemada (Alvarellos, 2011), poemario mecanoscrito inédito que se atopaba depositado na RAG e do que souben polo investigador Ernesto Vázquez Souza. E axiña a Fundación pediume que traballase na compilación da súa Poesía completa, labor ao que me entreguei decontado e que rematou nesta edición de máis de 600 páxinas, que xunta oito libros, textos inéditos e dispersos e a súa breve poesía en castelán, pois Abente foi por vontade propia un poeta monolingüe. (…)”