José María Durán Medraño: “Ciencia e tecnoloxía están determinadas por filosofías que modelan os seus obxectivos”

EntrevistaJosé María Durán Medraño a José María Durán en BiosBardia:
“José María Durán Medraño (Vigo, 1971) é doutor en Historia da Arte e profesor de Historia da Cultura Europea na Universidade Hanns Eisler de Berlín (Alemaña). Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx (editado por Galaxia) obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013. Nesta entrevista reflexiona sobre o papel social do traballo artístico, a actualidade dos postulados marxistas, como actualizar conceptos tales como loita de clases e a maneira na que a cultura se converte en mercadoría.
– BiosBardia (B): En Da natureza de escritores, artistas e vermes vostede fai un percorrido pola teoría marxista sobre o traballo artístico.
– Xosé María Durán Medraño (XMDM): Eu non fago un percorrido pola teoría marxista do traballo artístico; realizo unha reflexión, quero pensar, marxista acerca do traballo, na que o traballo da arte xoga un papel relevante. No libro confronto dúas formas de traballar: a artística, basicamente desde o punto de vista das suas arelas de emancipación do xénero humano; e o traballo como o coñecemos comunmente e que fora obxecto da análise de Marx na crítica da economía política. O libro, dalgunha maneira, tenta pensar como é posíbel superar a dicotomía entre estas dúas formas de traballar. (…)
– B: No caso galego, é claro que non existe un mercado de expresión cultural baseado na lingua galega. Como definiría este sistema: espazo de resistencia, disfunción marxinal no modelo…? Existe algún programa político (planificación) factible para previr a desaparición da cultura galega a medio prazo?
– XMDM: Aquí tamén hai uns intereses concretos, aqueles do poder colonial que fai grandes esforzos por consolidar o seu dominio non só no plano político-económico senón tamén no simbólico. Velaí o modelo disfuncional. As agresións son continuas. Porén, tamén hai unha responsabilidade de parte das e dos intelectuais galegos a respecto do modelo para a cultura galega que se escolleu e impuxo a partir dos anos 60 do século pasado. (…)”

Compostela: presentación de Da natureza de escritores, artistas e vermes, de José María Durán Medraño

OJosé María Durán Medraño xoves 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, de José María Durán Medraño, premio Ramón Piñeiro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Manuel Fernández Pellicer, Amalia Baltar, Valentín García, Antón Baamonde e Víctor F. Freixanes.

Radiocrítica do 08-09-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 8 de setembro en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva sobre Os televisores estrábicosde Ramón Vilar Landeira (I, 00:37),  Da natureza de escritores, artistas e vermes, de José María Durán Medraño (I, 6:36), A distancia do tambor, de Eva Veiga (II, 00:32) e Diario de Pichük. O longo longobio de Longobia, de Manel Cráneo (II, 6:55).
Pódense escoitar na versión orixinal aquí:

.

José María Durán Medraño gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Desde o blogue de Galaxia:
“A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural-Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de xaneiro de 2014, ás 11:00 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante este ano.
O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. O autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer, empregando as achegas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que se valorou tanto a exposición e a análise das ideas, como o rigoroso labor de argumentación dun ensaio escrito desde unha prespectiva orixinal e provocadora.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos trece orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.”