Sabela González: “O obradoiro é a escusa perfecta para usar a imaxinación”

Entrevista a Sabela González en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu inscribirse no obradoiro de escrita creativa?
– Sabela González (SG): Creo que vin a convocatoria a través do Facebook e nese momento xa me apuntei. Pensei que sería a escusa perfecta para usar a imaxinación e ademais, por ser un obradoiro con máis xente, unha boa forma de perder a vergoña de amosar o que escribes. Tiña xa cousas a medio facer pero nunca daba conseguido acabalas, e nese sentido tamén foi unha axuda, igual que aprender a criticar o que escribes e saber criticar e apreciar o que escriben os demais.
– LVG: Daquela, o seu era xa un caso de vocación pola escrita.
– SG: Si, tiña vocación. O libro xa empezara a escribilo, pero as sesións no obradoiro foron unha axuda para atopar os camiños polos que tirar cando me atopaba perdida ou non sabía como seguir. Empezara no 2001 pero por traballo ou estudos sempre se demoraba. Os obradoiros tamén foron unha boa forma para obrigarme a rematalo e compartir as opinións foi moi útil, sabendo ademais que Francisco Castro é editor, polo que valoras os seus consellos xa non só como autor, senón tamén como alguén responsable de publicacións.
– LVG: Din que a escrita é unha actividade solitaria, pero tamén existe esa dimensión social e participativa.
– SG: É certo que escribes só, pero tamén son boas esas postas en común. Cada vez que remataba unha sesión saía con moitos ánimos, coas forzas necesarias para darlle un novo impulso ao que escribo. E tamén necesitas distanciarte, coller perspectiva e así achegarte mellor á túa propia escrita.”