Chus Pato, autora do ano nos premios Irmandade do libro

Desde Sermos Galiza (a foto é da Federación de Librarías):
“A XXIII edición dos premios Irmandade do Libro que anualmente entrega a Federación de librarías de Galicia tivo lugar desta volta en Rianxo. A vila de Castelao acolleu a cerimonia de entrega que contou coa presenza, entre outras persoas, do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e do propio alcalde, Adolfo Muíños.
Nesta ocasión, os galardóns Irmandade do libro foron para Chus Pato, como autora e Ulises de James Joyce (Editorial Galaxia) como libro do ano 2013. Nas demais categorías trunfaron a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros como obra infantil e xuvenil e a Libraría Ramón Cabanillas de Cambados, que recibiu o recoñecemento da Federación nesta ocasión.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Valle Inclán de Redondela recibiu o galardón polo seu fomento da leitura. O premio Irmandade do libro á mellor colección do 2013 recolleuno a Colección Cociña infantil e familiar da Editorial Ouvirmos. En relación aos centros de ensino, a Federación premiou o CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal.
Os premios concedidos, explican desde a Federación, visan recoñecer “a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da nosa sociedade” polo que animaron a todo o sector a “non fechar os ollos” malia a situación económica e continuar traballando a prol do “libro e a leitura” como “ferramentas imprescindíbeis de progreso”. (…)”