Takekazu Asaka recibe o Premio Ramón Cabanillas

Desde a Real Academia Galega:
“O académico correspondente Takekazu Asaka recollerá este sábado, 27 de xullo, o Premio Ramón Cabanillas, nun acto que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal de Cambados. As librarías Contos e Ramón Cabanillas da localidade, coa colaboración do concello, recoñecen así o labor de divulgación da lingua e da literatura galegas do profesor nipón, que acaba de publicar unha tradución á súa lingua dunha das obras do autor que lle dá nome ao galardón, A rosa de cen follas (1927). O libro será presentado hoxe, ás 20 horas, na biblioteca municipal Luís Rei. Non será a primeira achega do académico ao escritor cambadés, ao que xa lle dedicou a Cantata a Ramón Cabanillas. Takekazu Asaka publicará ademais proximamente un artigo sobre as formas de cortesía en galego no que toma como referencia, entre outras fontes, a novela Costa do Solpor do tamén académico correspondente Xosé María Lema. (…)”

Chus Pato, autora do ano nos premios Irmandade do libro

Desde Sermos Galiza (a foto é da Federación de Librarías):
“A XXIII edición dos premios Irmandade do Libro que anualmente entrega a Federación de librarías de Galicia tivo lugar desta volta en Rianxo. A vila de Castelao acolleu a cerimonia de entrega que contou coa presenza, entre outras persoas, do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, e do propio alcalde, Adolfo Muíños.
Nesta ocasión, os galardóns Irmandade do libro foron para Chus Pato, como autora e Ulises de James Joyce (Editorial Galaxia) como libro do ano 2013. Nas demais categorías trunfaron a triloxía Ámote Leo A. de Rosa Aneiros como obra infantil e xuvenil e a Libraría Ramón Cabanillas de Cambados, que recibiu o recoñecemento da Federación nesta ocasión.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública Valle Inclán de Redondela recibiu o galardón polo seu fomento da leitura. O premio Irmandade do libro á mellor colección do 2013 recolleuno a Colección Cociña infantil e familiar da Editorial Ouvirmos. En relación aos centros de ensino, a Federación premiou o CEIP Manuel Suárez Marquier do Rosal.
Os premios concedidos, explican desde a Federación, visan recoñecer “a todos os que cren que traballar polas ideas, pola lingua, pola cultura é unha excelente achega para o desenvolvemento integral da nosa sociedade” polo que animaron a todo o sector a “non fechar os ollos” malia a situación económica e continuar traballando a prol do “libro e a leitura” como “ferramentas imprescindíbeis de progreso”. (…)”

Cambados: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 27 de xuño, ás 20:30 horas, nas instalacións de Exposalnés de Cambados (Praza da Calzada), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado coa Libraría Ramón Cabanillas, participa, xunto ao autor, Francisco Fernández Rei.