Lugo envórcase co chairego Díaz Castro

Desde Sermos Galiza:
“Na Escola da Conchada, na que Díaz Castro fixo os seus primeiros estudos, a área de cultura da Deputación de Lugo presentou o seu programa de actividades, en relación con asociacións e outras entidades, para honrar este ano o poeta chairego.
O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, defendeu a necesidade de “poñer en valor a vida e obra de Díaz Castro, de quen outro chairego bo e xeneroso como foi o poeta Manuel María deixou escrito no seu libro Terra Chá que era “profunda voz d’Os Vilares: suco, semente, alto mastro, esencia e flor de ensoñares!”.
Canda el, representantes de diversas entidades daban conta da colaboración da institución na elaboración de proxectos conxuntos como o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo que xa fora presentado na Casa Habanera de Guitiriz que defendeu como ferramenta de grande valor para dar a coñecer a obra de Díaz Castro. Na presentación participou tamén Armando Requeixo, investigador e especialista na obra de Díaz Castro de quen vén de presentar a súa tese doutoral, que coordinará a obra Poesía Galega Completa, editada por Galaxia, a necesaria compilación da obra completa do poeta na que a Deputación colabora desde a súa Área de Cultura.
O IES Poeta Díaz Castro non só dinamiza o concello coas súas actividades arredor do escritor que lle dá nome senón foi un dos axentes que máis participou na campaña que reclamaba o Día das Letras Galegas para o poeta. Audivosuais e materiais didácticos son algunhas das liñas de actuación do centro que leva moito tempo traballando na obra e a figura de Díaz Castro e implicando non só o alumnado senón tamén a veciñanza da localidade.
Profesor tamén no centro foi Alfonso Blanco Torrado, amigo do poeta e presidente da Asociación Cultural Xermolos, sen dúbida, a entidade á que máis se lle debe a recuperación e difusión da memoria de Díaz Castro. Da súa man nacerá un documento audiovisual coa colaboración da Quenlla.
“Orgullámonos de poder presentar hoxe as moi diversas colaboracións que desde a área de Cultura contribuímos con gusto a impulsar, e de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”, sinalou Mario Outeiro no acto de presentación das actividades nas que lembrou os escritores Manuel Maria, tamén da Terra Chá e Carvalho Calero, moi vencellado a Lugo onde impartiu aulas, como merecedores do recoñecemento.”