Entrevista a Antonio Reigosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como surxiu este proxecto das chamadas revistas orais?
– Antonio Reigosa (AR): Modestamente, foi unha idea miña, que lle propuxen no seu día á xerencia da Rede Museística Provincial. O que buscan estas actividades é crear novos públicos para a cultura, ofrecer unha información básica sobre determinados asuntos para espertar a curiosidade e animar á xente a achegarse aos museos, utilizando para iso un formato lixeiro e atractivo. Ás conferencias que se ofrecen son moi curtas, de só dez minutos de duración, e están acompañadas de actuacións musicais, non só para amenizar os contidos, senón tamén porque a música é un elemento fundamental da nosa cultura. (…)
– LVG: ¿Non hai outra forma de acceder a estas revistas orais que non sexa asistindo persoalmente a elas?
– AR: Todas as edicións que se organizaron en Lugo foron gravadas en vídeo e por agora ese material está arquivado. Nalgún momento haberá que decidir o que se fai con esas gravacións, porque estaría ben difundilas en Internet e poñelas ao alcance de todo o mundo. Antes haberá que editalas convenientemente e darlles unha forma atractiva, porque de momento son gravacións en bruto, que non foron montadas nin retocadas de ningunha maneira. Nestes dez anos ofrecéronse conferencias e intervencións de moito interese que sería importante recuperar e divulgar e algunhas teñen un especial valor histórico porque correron a cargo de personalidades culturais que xa faleceron. Agora ben, dámoslle moita importancia ao feito de que estas actividades se ofrezan en vivo e que os espectadores poidan intervir tamén dalgunha maneira, mantendo pequenas conversas cos relatores.”