Dores Tembrás: “Quixen darlle ao desexo a presenza que merece, por moi fulgor que sexa”

Entrevista de Montse Dopico a Dores Tembrás en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Cronoloxía da urxencia é un libro moi diferente a O pouso do fume, non si? Tamén pasou moito tempo entre un e outro.
– Dores Tembrás (DT): Pasaron anos, si. Son libros moi diferentes en moitos sentidos. En Cronoloxía da urxencia concéntrome moito no concepto de desexo, e ademais o traballo coa linguaxe foi levado ata o extremo. Quixen limpar o poema, acurralar a palabra e o silencio. Foi como un asedio. Un proceso esgotador. Quedei exhausta nese proceso de ir á esencia: versos curtos, poemas breves… Non sei se este é un proceso reversible, se vou seguir por este camiño ou non. Eu creo que o tema esixía este tratamento da palabra, da linguaxe. E, como dicía, non sei se vou quedar atrapada nese asedio, se vou darlle plena potestade ao silencio, visibilizado máis pola súa presenza que pola súa ausencia. (…)
– MD: De feito, basicamente o poemario é iso. A palabra e o silencio.
– DT: Cando me metín por este camiño neste poemario, padecín o asedio do silencio. Quedei co mínimo, tentando quitar, ata quedar sen poema. E así vislumbrei o padecemento dela, de Pizarnik. Foi, nese sentido, un poemario de obsesión, case enfermizo. Busquei unha nova relación coa linguaxe. Empecei, de feito, xusto despois de O pouso, que xa anunciaba a liña de desexo que recupero aquí. O pouso é de 2009 e botei moito tempo escribindo antes de mandalo ao premio do concello de Carral. Escribín moito, moi intensamente, os dous primeiros anos. Despois deixeino repousar e volvín a el, xa máis relaxada e tranquila. E este ano aínda o fechei, volvín axustalo antes de que o editasen. Teño a sorte de que o leron grandes amigos que me fixeron comentarios que tiven en conta. Entón, foi un proceso que tivo moito de aprendizaxe cos lectores.
– MD: Hai diálogo con varios autores e autoras no propio libro. Non só Pizarnik. Eva Veiga, Olalla Cociña
– DT: Eu necesitaba fíos, apoios… Houbo moita filosofía, moitas lecturas dos poetas do desexo. A min non me interesa a liña erótica, senón o que vén antes. A inmanencia, a pura potencia do desexo, desde Aristóteles ata Barthes. Unhas lecturas leváronme a outras. En Berger, por exemplo, eu vexo puro desexo. (…)”