Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo:
“(…) A Asociación Cultural Arumes do Corgo, en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo, puxo en marcha a oitava edición do certame literario Terras de Chamoso. (…)
A temática das obras é libre, xa que como recordou Mario Outeiro “a organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores, polo que a única norma é que a obra se redacte en lingua galega”, apuntou, ao tempo que explicou que os participantes dividiranse en tres categorías. Na infantil encadraranse as creacións de nenos e nenas dos 10 aos 14 anos, na xuvenil os que teñen entre 14 e 18, mentres que na de adultos competirán todos os maiores de 18 anos. Igualmente, tamén se establecen dúas modalidades. Por unha banda está a poesía, de 30 a 60 versos, e, pola outra, o relato curto, de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo. A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
O prazo para presentar os traballos rematará o 5 de decembro e cada participante poderá presentar varios traballos que non foran premiados noutros certames literarios. Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo. Achegarán nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo, s/n, 27163 O Corgo (Lugo), ou ao enderezo electrónico arumescorgo@gmail.com
En cada categoría establécese un primeiro e un segundo premio, tanto na modalidade de poesía como na de relato curto. Os galardóns son unhas figuriñas de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma. O xurado estará composto por membros da xunta directiva do colectivo organizador, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras. “Animamos a todos os amantes da literatura a participar nesta nova edición enviando os seus textos ata o 5 de decembro e a participar na cerimonia de premios que se levará a cabo o 20 de decembro no centro sociocultural do Concello do Corgo”, concluíu Mario Outeiro.
A organización destruirá no prazo dun mes despois do fallo, se os autores non o solicitan, os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas. Igualmente, a Asociación Cultural Arumes do Corgo resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante Internet). (…)”