Cuestionario Proust: Uxío Novoneyra

DesdeUxío Novoneyra o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Uxío Novoneyra, que reproduce a entrevista contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:

“– Principal trazo do seu carácter?
– Son bastante contraditorio.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– O coñecemento, a experiencia vital.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A beleza.
-¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A amistade.
– ¿O seu principal defecto?
– O ser esporádico.
– ¿A súa ocupación favorita?
– A contemplación e o soño.
– ¿O soño de ventura?
– Son moitas cousas vagas que, aínda sendo escuras, sei que son posibles porque son firmes. Por exemplo, o soño de que a liberdade e a xusticia son posibles, e de que son posibles xuntas.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– As peores desgracias son as físicas. Nun mesmo, na muller e nos fillos.
– ¿Que quixera ser?
– Non quixera ser outra cousa có que son, con plena plenitude.
– ¿En que país desexaría vivir?
– Case sempre vivín onde nacín, e agora quixera volver alí.
– ¿A color que prefire?
– A do outono da faia.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa. E se non sería a primachorro, que é a margarida.
– ¿O paxaro que prefire?
– A anduriña.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Dostoievski, Shakespeare, que lin en prosa.
– ¿Os seus poetas preferidos?
– ¡Teño tantos! Por exemplo, gústame Vakmiki, se é que el é o autor de Ramayana. E en Europa, Hölderlin, Shelley. Tamén Vallejo e Pondal, e Rosalía.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Case non teño.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Tampouco as teño.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Teño unha pobrísima cultura musical, como os da miña época; pero noto que algúns como Bach me entran. Sobre todo gústame a música popular e antiga, porque me fatiga a composición excesiva. Gústame moito o motivo musical puro, o que desencadea a sinfonía, pero xa a sinfonía me volve tolo.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Os primitivos, os impresionistas. E a pintura moderna.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Non sei se existen eses heroes, non me conmoven. Moitas veces conmóveme esa persoa humildiña que che está pedindo permiso para seguir vivindo. Eso si me parece heroico: que poidan seguir vivindo así.
– ¿As súas heroínas históricas?
– Dígoche o mesmo.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– O nome que máis me gusta é loaira. E flaira.
– ¿Que detesta máis que nada?
– O poder.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– O exercicio brutal do poder, que é o que fai que a historia non se apoie nos soños facedeiros.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– A loita do pobo de Vietnam.
– ¿Que reforma admira máis?
– Un pode falar de reformas a través da historia; pero eu resístome a falar do que non vivín, e non vin nin vivín ningunha.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Quixera ter máis constancia.
– ¿Como lle gustaría morrer?
– Antes soñaba con morrer moi novo, porque me parecía bonito. Agora, como non me gustaría morrer, non o pensei, como tampouco pensei no suicidio.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– Aínda teño de cando en vez algunhas loairas de esperanza que pasan.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– Calquera feito dun home arrinconado. Cando un home está contra a parede, calquera cousa que me faga, teño para el unha indulxencia total.
– ¿O seu lema?
– Non teño ningún.”