Entrevista de Carme Vidal a Xan Carballa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Participa na homenaxe do sábado en Maceda. Convoca a figura ampla e xenerosa que era Carballo?
– Xan Carballa (XC):
Ten esa vontade. En vida fixéronselle varias homenaxes e esta quere ser un acto de recoñecemento a todo o que el foi. As intervencións buscarán tocar todos os perfís. Xavier Vence falará do seu compromiso político, a familia estará representada pola sobriña, Cesáreo Sánchez visitará a súa faceta como escritor e home de letras e eu recollerei o seu papel no asociacionismo cultural, no xornalismo e de nucleación do grupo de historiadores que el promoveu. O concello de Maceda é quen organiza e, ademais do actual alcalde, Bieito Seara afondará na relación do concello con Carballo, de cando se lle fixeron distintos recoñecementos como veciño que era, entre eles, darlle nome á biblioteca. Santiago Prol, que se encargou da organización, conducirá o acto e lerá as distintas adhesións que se están a recibir.
– SG: Como valoraría a dimensión da figura de Francisco Carballo?
– XC: Sen dúbida é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo e do cristianismo progresista. Ten tamén un valor fundamental como investigador da historia da Igrexa e a Idade Moderna ao igual que como promotor do intento de aglutinar a vontade de difusión da historia de Galiza. Nunha entrevista de 2007 falábame de destecer relato falso do poder e ese era o obxectivo das súas investigacións. Era un historiador contracorrente, autor dunha investigación rigorosa mais tamén ben contada. Humanamente, era un home dunha sociabilidade enorme, un dos modelos que se podía utilizar porque era quen de poñerse en todos os rexistros. Sendo un intelectual mostrábase como un cidadán comprometido.
– SG: Nos obituarios escritos arredor del, a palabra “xeneroso” foi a máis repetida.
– FC: Nas moitas horas de entrevistas que lle gravamos, estes días topei ao azar cun texto no que dicía que lle emocionaba o recoñecemento que atopaba nos que con el compartira a vida mais que non lle importaba a proxección pública. Non busca cartos nin fama mais si ese recoñecemento dos seus. Dicía que non botara a semente nas pedras senón no rego e que, felizmente, medrara. (…)”