Artigo de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Como escritoras que son, Dores Tembrás e Antía Otero botaron man da metáfora á hora de definir o seu novo proxecto. Trátase de Apiario, unha iniciativa na que as abellas-promotoras constrúen a súa factoría, desta volta, arredor da palabra. (…)
“As nosas traxectorias converxen e hai un entendemento e sensibilidade compartidas. Decidimos por iso unir forzas e levar adiante un proxecto conxunto, temos ganas de construír nun tempo tan ermo”, adianta Antía Otero en palabras ás que asente Dores Tembrás a seguir. “Coincidimos na xeración, na sensibilidade e na maneira de traballar, na case obsesión por controlar o acabado. Procuramos o mesmo”, engade.
Con este punto de partida, Apiario busca a esencia da palabra, a creatividade da arte e a autenticidade do artesanal. O perfil do seu novo selo está definido pola súa propia condición de artistas-activistas. Será autoxestionada, traballarán sen distribuidora, repartindo en man os exemplares e dando pulo á tenda online e reivindicando ao tempo o papel, artesanal, con formatos distintos segundo a natureza do libro. “Queremos recuperar o libro-obxecto no que en cada novo título se escolle o papel, a tipografía, o deseño ou o cosido… co concepto da confección, cun traballo artesanal”, explica Antía Otero. Desta maneira, as distintas coleccións renóvanse en cada un dos títulos. (…)
Prefiren non se asustar ao comprobar o cincento estado do mundo cultural e o desgaste que están a producir os recortes e a crise económica. Botar a andar o proxecto supuxo xa un “baño de realidade” do que, malia os números, saíron coa mesma ilusión. “Somos conscientes do momento no que nace Apiario mais cremos moito no proxecto e na súa viabilidade. Queremos traballar no que nos gusta e confiamos na existencia dun público ao que nos dirixir, sabemos que está aí. Non é maioritario mais nós tamén traballamos doutra maneira, a nosa marca ten que ser outra”, apunta Dores Tembrás mentres confía, con Antía Otero, en que, unha rede comunitaria se teza arredor de Apiario.”